sábado, 3 de outubro de 2020

Scones de pavo e queixo

Bo día, bolboreteir@s! Aquí metidos xa na rutina académica dos grandes e o peque polo que andamos algo apurados a nivel gastronómico nesta fase de adaptación. Andamos optando por batch cooking, cociñando na fin de semana para ter todo listiño pola semana mais aínda así sempre queda algún oco para preparar a última hora: unhas peitugas, uns hamburguesas... ben, xa sabedes.

Con todo, aínda tiñamos gardada algunha receita de setembro que non presentaramos e que seguro vos ha conquistar como estes scones de pavo e queixo, sinxelos de facer e con ingredientes básicos e económicos. Non son os primeiros scones que preparamos mais si os primeiros salgados. Que viva Escocia e... a papar!



Scones de pavo e queixo


Ingredientes: 


  • 250 g de fariña
  • 200 g de buttermilk (leite máis limón)
  • 100 g de queixo
  • 100 g de pavo
  • 70 g de manteiga
  • 10 g de lévedo en po
  • Un chisco de sal
  • Aceite de oliva


Utensilios:
unha cunca, unha espátula, un coitelo, papel vexetal e unha bandexa apta para o forno.



Elaboración:

 Para comezarmos, temos de mesturar a fariña, o lévedo, o sal e o allo. 



De seguir, agregamos a manteiga, en anacos, e incorporámola moi ben. 


Logo, botamos o queixo e o pavo (ou bacon, xamón...).

                                                        

Agregamos a buttermilk. Para facela, esprememos un limón sobre 200 ml de leite e deixamos repousar 10 minutos. E mesturamos moi ben. Pasamos a masa a unha superficie enfariñada e ímoslle dando forma redondeada. 

Cortamos en triángulos. 

Pasámolos a unha bandexa de forno, pintámolos cun chisco de aceite e enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20-22 minutos. 

E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten e que poñades a receita en práctica. Outra idea máis lista para sorprender os vosos convidados e convidadas desde os petiscos. Aperta forte!!!





Ningún comentario:

Publicar un comentario