domingo, 7 de febreiro de 2021

Caracolas de carne

Bo día, bolboreteir@s. Auga por Oleiros e supoñemos que por boa parte do país. Nós repetiremos plan de domingo: receita, xogos co peque e algo de traballo. Pouco. E si, por aquí hoxe repetiremos cos freixós. Recordade que tedes a receita na osa canle de youtube. 
Pero non ha de ser todo larpeira, claro. Hoxe traémosvos un aperitivo (ou prato principal) orixinal e ben sabedeiro. Xa sabedes que nós somos de traervos receitas con produtos habituais no frigo e nas lacenas e cremos que esta que hoxe presentamos é común canto a ingredientes e cunha elaboración moi sinxela. 
Imos alá!





Caracolas de carne


Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • 300 g de carne picada 
  • 1/2 pemento vermello         
  • 1/2 pemento verde
  • 1/2 cebola
  • 1 ovo batido
  • Ourego
  • Romeu
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: unha picadora, unha bandexa de forno con papel vexetal e unha espátula.


Elaboración: 

Para comezarmos, temos de picar as verduras.


Agregamos a carne e sazonamos ao gusto co allo, ourego, romeu, pementa e o sal.


Trituramos de novo. 


Estendemos esta mestura sobre o follado. 


Enrolamos sobre si mesmo.


E cortamos en círculos de 1-2 cm.


Pintamos co ovo e enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante 30 min.


E xa estarían listas para comer. 


 Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica. Xa nos diredes. Lémonos polas redes. Aperta forte!


Ningún comentario:

Publicar un comentario