Ola, bolboreteir@s! Hoxe publicamos a unhas horas que vaia, vaia. E sen moito motivo a verdade, xogando co peque pasounos o día e as encomendas, haha.
Hoxe traemos unha das nosas perdicións, o pan. Si, hai casas de pan, outras de patacas, algúns que nin un nin outras... Nós somos panadeir@s, moi panadeir@s, destes cuxo percorrido desde a panadaría até a casa é un perigo para a peza de pan.
E claro, cando sobra o tempo, como sucede con frecuencia esta tempada, pois optamos por preparalo na casa e aí xa temos que atar as mans pois segundo sae do forno andamos roendo nel. De seguro que a vós tamén vos dixeron sempre que non é bo comer o pan quente. Nós non sabemos se é bo ou non pero ollo, poucos luxos tan simples na vida. Velaquí unha idea dun outro pan.
Pan con sementes
Ingredientes:
- 500 g de fariña
- 325 ml de auga morna
- 100 g de sementes variadas (opcional)
- 45 ml de aceite de oliva
- 15 g de lévedo fresco
- 5 g de azucre
- 5 g de sal
Utensilios: unha cunha e unha espátula, unha bandexa para o forno, papel vexetal e unha pota fonda ou unha cunha apta para o forno.
Elaboración:
Para comezarmos, mesturamos a auga co lévedo e o azucre até que se integren.
Agregamos a metade da fariña e todo o aceite.
Mesturamos de novo e deixamos repousar 20 min.
Pasado ese tempo, temos unha masa con burbullas.
Botamos o resto da fariña, as sementes e o sal.
Amasamos até que se integren.
Botamos un chisco de aceite sobre o papel vexetal e colocamos a masa, dámoslle forma redondeada. Facemos dous cortes e empoamos cun pouco máis de fariña.
Engraxamos tamén a pota e cubrimos a masa con ela.
Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 45 min. Pasado ese tempo, sacamos a pota e deixamos arrefríar sobre unha bandexa de rede.
E xa estaría listo para comer!
Un acompañamento ideal para calquera comida ou como base para os almorzos e as merendas! Xa nos contades que tal a receita e a posta en práctica. Aperta forte, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario