sábado, 11 de abril de 2020

Coca de trampó

Bo día, bolboreteir@s! Como levastes esta semana? Agardamos que vaia moi ben e esteades tirando proveito das receitas e da cociña para pasardes máis entretidos estas semanas.
Hoxe viaxamos, unha vez máis, a través da gastronomía, xa que doutra forma de momento non se pode. E facémolo a unha das nosas terras favoritas, Mallorca, onde temos familia. Alí foi onde coñecimos a preparación da coca, unha masa con certas similitudes á pizza aínda que na realidade a propia masa é o que máis se diferencia, sendo máis sólida e cun toque máis crocante.
Abaixo deixámosvos a outra coca que xa fixeramos, hai uns anos, coas verduras tamén como protagonistas. Mais como desta volta nos entrou moito antollo das Baleares, fixémola aínda máis típica posto que o recheo é outro dos pratos típicos da illa, o trempó, ou como din en mallorquí, trampó. Un conxugación de verduras moi habitual en verán que é refrescante mais que desta volta adquire temperatura para entrar a formar parte dunha coca deliciosa!


Coca de trampó



Ingredientes:

  • Masa para a coca
  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 2 tomates
  • Allo en po
  • Pementa moída 
  • Sal
  • Aceite 
  • Vinagre


Utensilios: unha cunca, unha fonte apta para o forno, unha táboa e un coitelo. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a masa. Aquí tedes os pasos. Estirámola e reservamos. 


Cortamos en cadradiños os pementos e os tomates. Botámolos nunha cunca e aliñamos co allo, a pementa, o sal e o aceite e o vinagre. Mesturamos moi ben. 


Repartimos as verduras sobre a masa.


E enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 25-30 minutos.


E xa estaría lista para comer!! Que aproveite! Nós que somos moi de masas, como sabedes, gustamos de intercalar preparacións: pizzas, empanadas, focaccias, cocas... E cada representando a súa gastronomía e facéndose irresistíbel. Ben, aquí queda unha idea máis para o confinamento. Aperta forte, bolboreteir@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario