domingo, 2 de maio de 2021

A pasta máis famosa de TikTok (con tomatiños e queixo)

Boa noite, bolboreteir@s. Como vai?? Por aquí tivemos unha fin de semana de relax e gastronomía. O sábado pasamos pola mítica feira de Betanzos para almorzar uns churros e petiscar despois algo e hoxe tocou tailandés e xeado nesta tarde solleira.

E claro, argallamos tamén algunha cousiña para o blogue. Hoxe traémosvos unha receita que se tornou viral na rede social de moda, o Tiktok e que nos vimos obrigados a probar. Xa sabedes, nós caemos en calquera reto gastronómica que haxa pola rede, sobre todo se implica unha proba despois. 

É certo que nós aínda non estamos nesa rede (todo caerá) mais si chegou a nós a través doutras e a verdade é que nos chamou moito a atención pola sinxeleza e bo aspecto. Imos por ela!


A pasta máis famosa de TikTok (con tomatiños e queixo)



Ingredientes:

  • Macarróns
  • 300 g de tomatiños cereixas
  • 1 taco de queixo feta
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva 
  • Auga




Utensilios: unha pota, unha fonte apta para o forno e unha cunca. 


Elaboración:

Para comezarmos, poñemos o queixo no centro da fonte, ao redor, os tomatiños. Botamos pementa, sal e o ourego ao noso gusto. 



Tamén, botamos un pouco de aceite de oliva. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos. 


Mentres tanto, cocemos a pasta que máis nos guste. 


Sacamos os tomatiños e o queixo do forno e mesturamos moi ben. 


Engadímoslle a mestura á pasta e remexemos moi ben. 


Decoramos con alfábega e xa estaría lista para comer!


Agardamos que vos guste! Xa nos diredes se caedes vós tamén na tentación. Lémonos proximamente, amig@s!!

1 comentario:

  1. Que bom aspecto!
    Passei para desejar um fim-de-semana feliz!
    Beijinhos,
    Espero por ti em:
    strawberrycandymoreira.blogspot.pt
    http://www.facebook.com/omeurefugioculinario
    https://www.instagram.com/marysolianimoreira

    ResponderEliminar