Bo día, bolboreteir@s! Hoxe vimos orgullosos coa nosa receita pois, aínda sendo moi sinxela, é ben importante para nós pois se hai unha carencia que percibimos na nosa cociña é a falta de cociñado de peixes, o que procuraremos solucionar a partir de agora, sobre todo porque cada vez nos gusta máis papalo. É xa cuestión de orgullo. Galegos e mariñaos, como para non incluírmos receitas peixeiras.
Tamén hai que confesar que non foi casualidade que se dese este prato xusto nesta fin de semana. Nos últimos días tocou traballar o léxico mariñeiro co alumnado de 3º da ESO e xurdiron pratos moi apetecíbes que nos provocaron un apetito que agora vos tentamos transmitir a través desta sinxelísima robaliza ao forno. A por ela!
Robaliza ao forno
Ingredientes:
- 1 robaliza
- 2-3 patacas
- 1 tomate
- 1 cebola
- 2 dentes de allo
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 pemento verde
- 1/2 vaso de viño branco
- Aceite de oliva
- Pementa moída
- Pirixel
- Sal
Utensilios: unha fonte apta para o forno, papel vexetal (ou de aluminio) e unha mandolina (ou táboa ou coitelo).
Elaboración:
Para comezarmos, temos de pelar as patacas e cortalas coa mandolina bastante finas.
Facemos o mesmo coa cebola e os pementos.
E o tomate e o allo. Sazonamos coa pementa moída, o pirixel e o sal. Regamos co viño e un chisco de aceite. Enfornamos a 200º, calor arrriba e abaixo, durante 10-15 minutos.
Sazonamos a robaliza coa pementa moída, o pirixel e o sal. Botámoslle, tamén, un pouco de aceite.
Colocamos o peixe sobre a cama de verduras, xa cociñadas, e enfornamos de novo 15 minutos máis.
E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste!!
Vedes que con apenas verdura e unha boa robaliza xa amañamos, pois non require traballo ningún. Non por máis fácil, a imos valorar menos, xa que é un paso máis nesta aprendizaxe que vos comentabamos.
Tivemos unha fin de semana moi peixeira, o sábado salmón á prancha e o domingo esta robaliza que non escollemos por casualidade. Sómosvos moi deste peixe, si! O seguinte paso, probalo en salsa. Xa andamos matinando posibilidades, haha.
Deixámosvos coa nova creación. Forte aperta, amig@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario