Acabaron as vacacións e supoño que como sempre que hai días de folgos, moit@s de vós excederíadesvos un pouquiño. Normal, xuntanzas familiares ou cos amig@s, máis tempo á mesa e todo acaba nunha boa enchenta. E o que corresponde despois disto é compensarmos un pouco así que toca pensar nalgunha receita algo máis lixeira. E a de hoxe cumpre cos requisitos, e ademais achega a frescura que ben presta nestes días en que o sol se presenta forte e con ansias de repartir calor.
Imos pois cunha ensalada diferente, en que teñen peso as verduras, mais onde destaca principalmente o polbo, que xa sabedes, está bo de todas cantas formas se faga. E á vinagreta... éxito seguro. Para @s que sodes pouc@s na casa e vos sobra un pouco de polbo, esta é unha outra moi boa opción para aproveitarmos o sobrante. E de feito, talvez sexa a mellor opción de degustar polbo para os días de calor. Aquí vos queda.
Polbo á vinagreta
- 3-4 raxos de polbo
- 8-10 gambas cocidas
- 1 ovo cocido
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 pemento verde
- 1/2 cebola
- Aceite de oliva
- Vinagre
- Sal
Utensilios: cunca e coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos con esta receita temos de picar en cadradiños moi pequenos os pementos e a cebola.
De seguir, engadimos as gambas cocidas, tamén picadas finamente, e o polbo cortado en lascas.
Despois agregamos o ovo, relado ou cortado moi fino.
Para finalizar, aliñamos ao noso gusto con sal, aceite e vinagre, mesturamos ben e refrixeramos durante 2-3 horas para que estea moito máis saboroso.
A que ten bo aspecto? Imaxinade pois se lle metedes o dente... Os galeg@s e galegas debemos tirarlle o máximo proveito ao polbo e probalo con moi diferentes receitas. Está claro que o polbo á feira é unha divindade gastronómica que adorar, mais tamén o é que se dispoñemos de polbo na casa podemos lograr outras moitas marabillas. Unha vez cocido o cefalópodo, xa vedes que este prato resulta do máis fácil e rápido. E canto presta comelo... :-) Agardamos que pasedes un bo martes e que levedes ben esta semana de volta á rutina. Unha forte aperta amig@s!
Uummmmmmmmm a que hora dices que se come en tu casa que me voy pipitando que pintaza tiene este pulpo a la vinagreta ademas de estar de muerte relenta .
ResponderEliminarBicos mil wapa.
Hahahaha! É unha forma diferente de comer o polbo e está deliciosa! Seguro que che encantaría!
EliminarUn bico e grazas!