Nin en vacacións descansamos. Ben se nota que nos encanta escribir as receitas para que as leades e fagades, e claro, comer sempre hai que comer, así que aproveitamos para vos presentar novas larpeiradas. E a de hoxe tiñámola desde hai moito tempo en mente, mais non nos fixemos facer coa materia prima até agora. Estámosvos a falar dun dos produtos máis valorados na repostaría, o cabelo de anxo. Mais claro, para termos esta lambonada hai que se facer coas caiotas, tamén chamadas calacús ou cabaza confiteira, planta de orixe americana que se dá moi ben en terras galegas. Aproveitarmos para darmos as grazas encarecidamente a Mar Vázquez, quen puxo á nosa disposición un bo número de caiotas, co que contamos preparar moi diferentes receitas. Agora xa ficamos coa semente :-)
O noso namoramento polo cabelo de anxo vén de moitos anos atrás, a través dunha das sobremesas máis saborosas que para nós existe, a ensaimada mallorquina, que sempre que imos ou vén a familia aproveitamos para degustar. Ademais, tamén se pode encontrar en diferentes pastelarías do noso territorio en empanadas, tortas, biscoitos, rolos... Precisamente, a sonada torta de Viveiro tamén se caracteriza polo cabelo de anxo.
Para saberdes un pouco máis das caiotas, dos seus múltiplos beneficios e do proveitosas que son na cociña, podedes ollar a seguinte información: Caiota

Cabelo de anxo
Ingredientes:
- 1 cabaza caiota
- Azucre
- Auga
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cocer a cabaza en abundante auga; podémolo facer nunha pota rápida ou de forma tradicional. Nós, neste caso, cocímola na pota rápida e tardou sobre 20-25 minutos e fixémola enteira porque non era moi grande sendo así máis fácil pelala e cortala xa que sen cociñar está moi dura.
Cando estea cocida, deixamos que arrefríe para que sexa máis fácil traballar con ela. Despois, quitámoslle as pébedas e imos separando os fíos da cabaza. Poñémola no escoadoiro e deixámola toda a noite.
A continuación, podémolo utilizar para facer unha receita no momento ou podémolo envasar ao baleiro e conservalo para utizalo un tempo despois. Nós como nestes días non temos moito tempo, preferimos deixalo así.
É boa verdade, que, normalmente o cabelo de anxo ou encanta ou non gusta nada. Nós estamos no primeiro caso e desde logo, que agora que xa nos fixemos coas caiotas e coa semente, habemos de elaborar moitísimas sobremesas con el. Seguro que a vós tamén se vos ocorren moi diferentes pratos marabillosos con este produto. Deixámosvos entón aquí o paso principal. Se conseguides as caiotas nalgunha froitaría ou as tedes na casa, xa sabedes como darlles o mellor proveito posíbel. Deixade voar a imaxinación e xa nos contaredes que vos animades a elaborar. Xa vos adiantamos que temos a ensaimada entre cella e cella así que non tardaremos moito en vola traer por aquí. Unha forte aperta e desfrutade dos últimos días libres da Pascua!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario