martes, 6 de febreiro de 2018

Bica de Laza

Xa andan chegando os mecos, o Entroido e todas as lambetadas de identidade coas que deixamos as preocupacións calóricas a un lado para desfrutar de cada bocado de festa e país.
Ben, pois tiñamos prometido ampliar o corpus de receitas entroideiras polo que tocou matinar na nova posibilidade e estamos moi contentos pois demos cunha que aínda que non era a primeira vez que probabamos si que superou totalmente as expectativas. Falamos da bica de Laza.
Cremos recordar que nola tiñan dado de petisco nalgún momento nunha cafetaría pero non nos era a chave das noces para nós. Con todo, esta preparación caseira demostrounos que a fama non é casual xa que estamos ante toda unha delicia. 
Tiñamos algunha indicación para a preparación aínda que nos foi de moitísima axuda o portal de receitas, Recetas de rechupete.
Aínda que nós asociámolo máis a esta época do ano pois é un dos símbolos culinarios dunha das localidades do triángulo máxico do Entroido. Iso si, para os ourensáns, existen moi diversas variantes desta larpeirada, con matices entre diferentes localidades, aínda que nós quedámonos coa versión que talvez sexa a máis sonada e que se leva degustando desde o XIX. Imos alá!


Bica de Laza



Ingredientes:

  • 4 claras de ovo
  • 200 g de azucre
  • 180 g de nata 
  • 180 g de fariña
  • Para decorar: azucre





Utensilios: dúas cuncas, un batedor eléctrico, un molde e papel vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos temos de montar as claras de ovo coa axuda do batedor eléctrico. Cando estean montadas, engadimos, pouco a pouco o azucre e seguimos batendo até que se integre. 




Despois, botamos a fariña, pouco a pouco, e integrámola con movementos envolventes. 


De seguir, montamos a nata e agregámola con momentos suaves para que non se baixe a mestura. 


Cubrimos o molde con papel vexetal e botamos a mestura. Empoamos con máis azucre. 


Enfornamos a 180º, co forno prequente, calor arriba e abaixo, durante 40-45 minutos. 


Deixamos que arrefríe un pouco e xa estaría lista para comer!


Viva Laza, Ourense e o Entroido! Sorte a nosa de aínda termos localidades onde manteñan a esencia deste festexo e onde se bote man da gastronomía como símbolo identitario.
Aínda que nas fotos se percibe algo máis amarela por cuestión da luz, esta variante de biscoito recibe o nome de bica branca tamén pois o interior ten unha tonalidade moi clara.
Se vos somos sinceros, estabamos pensando a ver que faciamos con toda esta bica, a pesar de que é xa optamos por un tamaño reducido, e papamos só na sobremesa da cea media... Que boa!
Desfrutade dela e seguímonos lendo. Estade atent@s estes días ás redes que iremos compartindo máis receitas entroideiras. Forte aperta!

5 comentarios:

  1. É un dos doces que más me prestan. Gracias Pola receita. Analavanda

    ResponderEliminar
  2. Las bicas en casa siempre triunfan ,esta la hago desde hace muchos años todo el año con las claras que quedan despues de hacer el tocinillo de cielo , os ha quedado de relujo.
    Disfrutar de los carnavales.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Nós fixemos un revolto coas xemas que sobraron 😂😋! A verdade é que está moi boa, repetiremos moi a miúdo!
      Igualmente e mil bicos!

      Eliminar
  3. No Barbança son dóces do entroido as roscas, q foron antes cós donuts, e un millón de veces mais sás

    ResponderEliminar