domingo, 2 de marzo de 2014

Orellas de Entroido

Dise que non hai dous sen tres e neste caso é obrigado xa que quedaba por completar a tríade gastronómica do entroido, faltaban as orellas de frade ou orellas de entroido!! Un outro produto que Álvaro Cunqueiro resaltaba para o martes de Entroido : "Pra martes lardeiro, aparte das filloas, fanse froles e orellas, con masa de fariña, ovos e leite...".
A denominación de orellas vén polo suposto parecido con esta parte do corpo humano, e maior aínda coas dos frades, aínda que como podemos comprobar cando facemos e comemos as orellas pouco vai quedando deste parecido. Mantemos normalmente a súa forma xeométrica, mais acaban por ser un tanto irregulares. Non vaiamos facer orellas tampouco orellas con forma circular, mais o realmente importante é o sabor, e ese si que é exquisito. E ao igual que as filloas ou as roscas, son un produto que se conserva ben, polo que se facedes unha boa remesa delas, xa vos dá para todo o Entroido. Aí vos vai!

Orellas de Entroido

Ingredientes:
  • 3 ovos
  • 1 cunca do café de aceite
  • 1 cunca do café de anís
  • 2 cuncas do café de zume de laranxa
  • Fariña, aproximadamente 500 gr

Elaboración:

Nun recipiente botamos os 3 ovos, o aceite, o anís e o zume e batemos ben. 









Pouco a pouco imos engadindo a fariña, - a cantidade é aproximada- até obter un masa homoxénea. 





Tapamos con papel transparente e deixamos reposar 2 horas.



 Coa axuda dun rolete estiramos a masa e cun coitelo ímoslles dando forma. 




 Fritimos en abundante aceite e de poucas en poucas. Colocámolas nunha fonte cuberta con papel absorbente para eliminar o exceso de aceite.


Botamos un pouco de azucre glas por riba e xa están listas para comer!! Que aproveite!


Se as facedes do mesmo tamaño que estas xa nos contaredes se vos destes resistido a comer só unha. Eu penso que teñen algo de aditivo, ou tal vez o feito de estaren crocantes, ñam ñam! Entran unha tras outra como nada. Deixa a ver canto vos duran :-) Pasade un bo Entroido larpeiro!!!!

4 comentarios:

  1. ¡Unha auténtica ledicia!

    Coma ti dices... ¡ñam ñam!

    Unha aperta e bo Entroido :)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que están deliciosas ;)!!
      Moitísimas grazas polo teu comentario e igualmente!

      Eliminar
  2. O día 9 temos concurso de doces aquí en Ortigueira. Así que tomarei esta receita túa como referencia e a ver se a consigo veganizar que ando agora a voltas con quitarlle os ovos aos doces ;)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ohh! Que ilusión!! Xa nos contarás se consegues eliminar os ovos e como che foi no concurso! Desexámosche moita sorte!
      Un bico enorme!

      Eliminar