martes, 2 de febreiro de 2016

Cocido bolboreteiro

Bo día amig@s! Como vai esta semana xa de pre-entroido? Preparando os disfraces seguro, mais non esquezades aproveitarvos da mellor época gastronómica do ano. Nós, á espera dos días grandes, estivemos xa abrindo apetito cun bo feixe de freixós e roscas. Quédannos as orellas para completar a tríade. Tocaralles a finde.
Mais non todo pode ser doce. Este pasado domingo puxémonos cun dos pratos máis contundentes do mundo, e que adoita degustarse por estas datas. Unha receita que non ten dificultade ningunha xa que só precisa o cocido dos produtos. Con todo, queriamos mostrarvos a nosa versión e algún que outro truco na elaboración.
Xa sabedes que o cocido admite mil variantes e o que sempre o caracteriza é a combinación de moitísimos elementos ben diversos e que xogan moi ben. Ten reflexionado Álvaro Cunqueiro ao respecto, "é o mesmo que criticar a unha osquesta porque ten moitos músicos, todos eles maestros nos seus instrumentos. Porque o Cocido Galego é unha auténtica sinfonía de sabores, que non se opoñen uns a outros, senon que se axudan para constituir, ao final, unha obra maestra’’.
Tamén o noso autor e gastrónomo deixa dito do que pode formar parte: ‘’Un bo cocido leva moitas cousas: xamón e lacón, carne fresca, touciño e chourizos, galiña e garavanzos, e por descontado, patacas. E á carne de porco que vai ó cocido aínda se lle poden engadir orella e fuciño, e costela salpresa, se a hai. E ca auga na que se coceu a cerne pódese facer una excelente sopa, de arroz ou de pasta. […] O cocido ten que estar ben escurrido e ten que servirse moi quente. O cocido pide un tinto do país, o máis sereno e graduado que se poida’’
E nesas posibilidades nos movemos, na escolla dos produtos que máis gustamos. Así, deixamos fóra elementos dos que talvez para vós si formarían parte e introducimos outros para nós indispensábeis. Ademais, a aparición do xamón cocido polo lacón fai sentido por aproveitamento do que se ten na casa. E claro, tamén porque gustamos inmensamente desta carne en todas as súas versións.


Cocido bolboreteiro

Ingredientes (para 4-5 persoas):
  • 1 anaco de xamón
  • 1 repolo
  • 2 chourizos
  • 1 chourizo picante
  • 3-4 patacas
  • 200 gr de garavanzos
  • 1 cebola
  • 2-3 follas de loureiro
  • 2 culleradas de aceite
  • 1 cullerada de pemento doce
Utensilios: 2 potas grandes, unha tixola e unha fonte para presentar.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de deixar o xamón e os garavanzos en abundante auga durante 12 horas.


Pasado ese tempo, poñémolos nunha pota grande con auga e o loureiro a ferver. Cando ferva a primeira vez, cambiamos a auga para evitar que o xamón quede moi salgado.  Levaralles sobre 1h 30 minutos - 2horas. 


Cando leve un anaco cocendo, poñemos noutra pota o repolo, lavado e cortado, as patacas, cortadas en anacos e os chourizos (nós puxemos un picante para lle dar un outro toque) en abundante auga. Cocémolos, aproximadamente, 45 minutos-1 hora. 




Á parte, rustrimos en dúas culleradas de aceite a cebola cortada en xuliana. 


Cando estea brandiñas, engadimos o pemento doce e mesturamos ben. Reservamos. 




A continuación, só temos que colocar todo nunha fonte: o xamón, os chourizos cortados en anacos, os garavanzos, o repolo e, sobre el, a cebola e os anacos de patacas.


Sentámonos á mesa e a desfrutar deste marabilloso manxar!!


Xa vedes que esta receita non garda segredo ningún, mais que si vola presentamos coa ilusión de termos un cocido totalmente ao noso gusto para que vós coñezades, e comparedes. A base de todos os cocidos tena, a potencia, haha. Difícil será quedar con fame despois de lle meter o dente a un prato coma este.
Ademais, deste receita poderiamos tirar outra tradicional como a sopa de cocido, mais sendo honestos, nós non lle damos proveitos xa que nunca nos entrou moito polo ollo. Non todo había de saber, haha.
Sexa como for, fica presentado o cocido bolboreteiro, que non leva bolboretas mais si moito de Bolboretas no bandullo e moito de Galiza. Apertas!



4 comentarios:

  1. Atraída por el olor característico que despide vuestro cocido, llego de visita a este espacio y me quedo para deleitarme con vuestras letras en gallego, que me acercan a mi tierra y, al mismo tiempo, recrear la vista con ese rico cocido.
    Todo en conjunto, es una entrada para no olvidar.
    Cariños para compartir.
    Kasioles

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben!! Alegrámonos que che transmita tantas sensacións!!
      Moitísimas grazas por pasarte e por quedarte e esperamos que os teus sentidos se sigan deleitando coas nosas palabras!
      Mil bicos!

      Eliminar
  2. Ummmmmmmmmmmm cocido me encanta, siempre digo que en cada casa hay su receta no me llevo un plato porque mi mami lo va hacer el domingo que si no no te librabas, te ha quedado de relujo.
    Bicos mil y feliz semana wapisimaa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! Estamos na época, eu penso que na maioría das casas hai cocido estes días!!
      Grazas e feliz semana!

      Eliminar