sábado, 6 de febreiro de 2016

Falsas madalenas

Por fin chegou o entroido, canto nos tardaba, e iso que, como vistes nas redes, xa levamos semanas aproveitándonos das larpeiradas da época. Non nos cansamos de dicilo. Para nós, gastronomicamente, esta é a mellor etapa do ano con diferenza. Non aborrecemos nadiña do que comemos, e aínda por riba adoitamos quedar con ganas de máis para o ano seguinte.
Con todo, hoxe non vos traemos unha das receitas tradicionais entroideiras senón que optamos por disfrazar un prato, tal e como facemos as persoas nestas xornadas. Son coñecidos os famosos "trampantollos" ou "trucos" en alta cociña, principalmente, e que consisten en levar unha apariencia enganosa. Aínda que estas falsas madalenas parten dunha maior sinxeleza da que adoita caracterizar ese tipo de pratos, vén enganando a vista, sendo despois o bandullo quen rapidamente revela a verdade. Así pois, esta "pseudosobremesa" doce, acabe por ser todo o contrario. @s comensais ficaron sorprendid@s. Que vos parece a vós? 


Falsas madalenas

Ingredientes ( para 6 unidades):

Para as madalenas
  • 400-450 gr de carne picada
  • 1 clara de ovo
  • 1 cebola
  • 1 cenoria
  • 1 dente de allo
  • 6 dados de queixo
  • 1 culleriña de cúrcuma
  • 1/2 culleriña de ourego
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
Para a decoración ( puré de pataca)
  • 2-3 patacas
  • 1 xema de ovo
  • 1 cullerada de manteiga
  • 1-2 culleradas de leite
  • Noz moscada
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
Utensilios: moldes para madalenas, unha tixola, unha pota, un garfo, unha manga pasteleira cun bico estrelado e unha cunca.

Elaboración

Para comezarmos temos de facer as madalenas. Como veredes, é unha receita moi similar á das albóndegas. Picamos o allo, a cebola e a cenoria finamente e rustrímolos en dúas culleradas de aceite.











Cando estean listos, mesturámolos coa carne picada e a clara do ovo e sazonamos coa cúrcuma, o ourego, a pementa moída e o sal.









Facemos pequenas boliñas coa masa, aplanámolas na man e poñemos un dado de queixo no centro e pechamos a bola para que non saia o queixo.


Colocamos as boliñas no molde para madalenas e enfornamos a 180, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos, aproximadamente.










Mentres tanto, temos de preparar o puré. Pelamos, lavamos e cortamos as patacas en anacos. Cocemolas en abundante auga cun chisco de sal.


Despois, escoámolas e esmagámolas coa axuda dun garfo (ou dun pasapuré), engadimos a xema e a manteiga e mesturamos moi ben até conseguir unha crema. Posteriormente, engadimos a pementa moída e a noz moscada. Se vemos que nos queda algo dura, engadimos o leite e mesturamos moi ben.










Metemos o puré na manga e decoramos as boliñas de carne.


Enfornamos de novo, mais esta vez co gratinador a 200 até que se doure un pouco o puré.


Servimos e xa estarían preparadas para comer! Agardamos que vos gusten e sorprendades aos vos@s convidad@s.










Como vedes, a madalena garda moita sorpresa ao abrir. Atopámonos carne no canto dunhaa masa de biscoito. Queixo por dentro no canto de, por exemplo, chocolate, e unha cobertura de puré que simula á perfección unha crema pasteleira! Vaia coa madalena! Mais tamén teñen dereito a se disfrazar, claro está.
E, ademais, podemos dicir que é un prato redondo no relativo ao sabor xa que carne, queixo e puré dan perfectamente.
@s nos@s convidad@s xa puxeron cara de desconcerto cando presentabamos a sobremesa de primeiro. Mais despois todo o entenderon... Animádesvos a disfrazar a vosa receita? Xa nos contaredes ou mostraredes. Unha aperta e... bo entroido!!!

4 comentarios:

  1. A mín parécenme todo un acerto, e ademaís super recheos!!, é unha forma orixinal de presentar a carne có puré, di que si, que pra iso estamos no entroido.

    Bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahaha! Moitísimas grazas! Pensamos que, en moitas ocasións, hai que innovar a presentación para podermos sorprender. Estes ingredientes son básicos mais presentados así... cambian totalmente 😜
      Bicos guapa!

      Eliminar
  2. Divnisimaaaaaaaaaaaaaaaaaas no lo siguiente ademas de estar de muerte relenta me encantan no lo siguiente.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar