Non é un martes máis nin un martes calquera. Non, hoxe é un dos días de máis festexo en Galiza, e sobre todo un dos días máis larpeiros en que xa entran en xogo todos os manxares logrados nas diferentes casas galegas. Xa sabedes, o primeiro en estoupar por fartura, perde, haha.
Xa coñecedes tod@s as nosas receitas para estas datas, senón, aquí as tedes: Larpeiradas de entroido.
Porén, hoxe xa imos pensando nos días vindeiros, que coma sempre despois do exceso, traerán algunha limitación.
A semana pasada demos cun posto no mercado de Ribadeo de pan tradicional e fariñas, cun moi bo aspecto. Ollando entre a variedade, optamos por facernos coa espelta xa que oiramos falar moi ben dela aínda que nunca probaramos. A premisa era clara. Facer pan, que xa había tempo que non cociamos. Ademais, cremos que resulta o mellor método para comprobar a calidade dunha fariña.
Cun amasado sinxelo, fomos dar a un pan un tanto diferente, que quedou moi ben cociñado e cun sabor un tanto máis doce que o da fariña de trigo. E que ademais presenta ese aspecto compacto e resistente do pan caseiro, que nos permite desfrutar del aínda un par de días despois.
Este cereal de climas duros e fríos, a pesar de ter diferenzas co trigo, tamén presenta glute, polo que non é apto para celíacos. Iso si, ultimamente está alcanzando moita sona por ser recomendábel para o tratamento de diversos problemas de saúde e tamén por ser unha variedade ideal para o cultuivo ecolóxico. Destaca polo alto contido en fibra e por ser rico en proteínas e vitaminas.
Pan de espelta
- 400 gr de fariña de espelta
- 100 gr de fariña de forza
- 300 ml de auga
- 15 gr de lévedo fresco
- Un chisco de sal
- Máis fariña para amasar
- Aceite
Utensilios: unha cunca, un coitelo, papel transparente, un pano e unha bandexa para o forno.
Elaboración:
Para comezarmos temos de mesturar as dúas fariñas co chisco de sal.
De seguir, disolvemos o lévedo na auga e botámolo sobre as fariñas. Mesturamos moi ben coas mans.
Cando estean ben integrados os ingredientes, colocamos a masa sobre unha superficie enfariñadas e amasamos até conseguir unha masa elástica; levaravos 10-15 minutos. Botamos un chisco de aceite nunha cunca, poñemos alí a masa, tapamos con papel transparente e deixamos repousar até que duplique o seu tamaño, aproximadamente 1 hora.
Pasado ese tempo, dámoslle forma ao noso pan (nós escollemos facer unha bola, mais podedes facer unha barra, unha torta, ou mesmo unha trenza), empoamos a bandexa de forno con fariña e colocamos o pan sobre ela. Facemos uns cortes, coa axuda dun coitelo en afiado, tapamos cun pano e deixamos repousar, aproximadamente, 30 minutos.
Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos. Un bo truco para sabermos se o pan está feito é golpear a codia do pan, se soa a oco, o pan está listo. Con todo, tentade ir ollando a cocción polo exterior para non ter que abrir o forno en varias ocasións, xa que isto afecta ao proceso.
Deixamos arrefríar sobre unha reixa, para que a codia estea máis crocante.
Empoamos cun chisco máis de fariña e xa estaría listo para comer!!
Tede en conta que se conserva 2-3 días nun recipiente hermético perfectamente ou, senón, podédelo cortar en anacos e conxelalo en bolsiñas para cando o precisedes.
Ollade que apetitoso se ve o pan da casa. Unha boliña perfecta para acompañar o xantar ou cea, ou como nós fixemos, para aproveitalo, aínda días despois para unhas deliciosas torradas con tomate. Se vos achegades a algunha panadaría tradicional, é moi probábel que teñan esta fariña. Aproveitade e degustade un pan saborosísimo. Xa vistes, traballo mínimo.
Nós, entretanto, imos aproveitar e seguir póndonos as botas cos freixós. Que perdición!! Bo martes entroideiro!!!
Hei probar a facelo. Mmm!!! A fariña de forza onde se merca? Nun súper normal? Graciñas!!
ResponderEliminarSii, en calquera súper hai fariña de forza, incluso hainas de marca branca. Se o fas, xa nos contarás que tal!!
EliminarGrazas a ti e un bico enorme!
me encanta el pan de espelta y ademas es tan sano!! te ha quedado de lo mas apetecible, biquiños y feliz entroido!
ResponderEliminarTotalmente de acordo contigo! Está delicioso e ten unha multitudemde propiedades!
EliminarApertas e grazas!
Espero que hayais disfrutado del Entroido aqui el tiempo no acompaño pero aun asi la gente salio a celebrarlo a mi esta semana me toca trabajar de tarde asi que no lo he podido ver.
ResponderEliminarEl pan se ve divino tengo que hacerme con esa harina por que no dudo ni un segundo que con ella los panes esten de vicio llevo tiempo escuchando maravillas de ella.
Bicos mil y feliz semana wapa.
O tempo non acompañou moito non... mais nós tamén saímos disfrazados para celebralo, hahaha!
EliminarPois seguro que che encanta, e ademais con todas as propiedades que ten!!
Bicos!!
Ola, rapazes!
ResponderEliminarIsta é de esas receitas que hai que gardar sí ou sí. E vos agradezo moitísimo a publicación. Pouco a pouco funme facendo fan deste tipo de fariñas porque encántame o resultado no pan. Coma decides vos, sae un panciño resistente pero cun certo sabor doce que, na miña humilde opinión, é exquisito. Por riba diso, inda encima trátase dun cereal ecolóxico e para min, iste é un aspecto moi moi importante.
Graciñas e mil bicos para os dous!
Yoly
Tes toda a razón e despois de ler todas as propiedades que ten... parece obrigatorio facelo 😂😂. Moitas grazas por todo e xa nos contarás que tal se o fas na casa 😋
EliminarMil bicos!