sábado, 30 de xaneiro de 2016

Pavo ao curry

Por fin chega o sábado e por fin nova receita de Bolboretas no bandullo! Levabamos varias semanas agardando para a facer e sempre tiñamos outras cousas por comer. Mais xa probamos e podemos animarvos a probar esta marabillosa combinación cunha carne coa que non se adoita traballar tanto mais que ten múltiplos beneficios e para nós un sabor tan bo ou mellor como o do polo.
Ademais, nós contamos coa sorte de ter peitugas dun pavo criado na casa, o que lle dá unha tremenda excelencia ao prato. Sempre insistimos na relevancia da materia prima, adoita ser decisiva entre un bo prato e un óptimo.
Canto ao curry, pois a verdade é que non adoitamos utilizalo moito xa que nos gusta o sabor mais acaba por facérsenos algo pesado. Porén, ao integralo cunha carne tan suave como o pavo logra non excederse e acaba por facer o prato do máis gorentoso. O toque asiático parece que deu á perfección co pavo galego.


Pavo ao curry


Ingredientes (para 2 persoas):
  • 1 peituga de pavo
  • 250 ml de nata
  • 3 culleradas de curry
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
  • Aceite de oliva
  • Para acompañar: arroz branco (opcional).

Utensilios: unha táboa, un coitelo, unha tixola, unha culler e un prato para servir.

Elaboración:
Para comezarmos, temos de cortar en dados, dun tamaño medio, o pavo.


Sazonámolo con allo en po e cun chisco de pementa moída.


Rustrímolo en dúas culleradas de aceite de oliva.


Cando estea douradiño, engadimos o curry e mesturamos moi ben. 






De seguir, engadimos a nata e mesturamos de novo.





Agregamos un chisco de sal e cociñamos durante 5- 7 minutos. 


Podémolo servir cun chisco de arroz branco, cuscús, una ensalada etc. e xa estaría preparado para comer! 


 Tiñamos un molde de estrela perdido pola casa e aproveitamos para argallar un pouco. De todas formas, xa sabedes que o típico está en facer esta receita con polo así que se non gustades do pavo ou non tedes pola casa, non hai problema ningún.
Ademais, vedes como logramos un prato moi xeitoso con moi pouco traballo e en moi pouco tempo. Non estamos ante unha destas receitas para as que hai que agardar á fin de semana para facer. Calquera día, en 15 minutiños...
Ben, pois queda convosco á espera de novas sorpresas que vos imos ir traendo moi proximamente, mmmmm. Unha aperta enorme, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Unha receita sinxela pero sabrosa, además e rápida e ben doada de preparar e iso na cociñá agradecese moito.

    Bicoss

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Totalmente de acordo, no día a día debemos ser prácticos 😉
      Bicos e grazas por comentar!!!!

      Eliminar