domingo, 14 de outubro de 2018

5 recomendacións gastrocoruñesas

Como vai todo, bolboreteir@s? Hoxe seguro que vos sorprendemos pois imos cambiar o rexistro. Non traemos receita nova mais iso non quita que vos vaiamos abrir moitísimo o apetito. Após dez anos xa instalados na Coruña, apetecíanos preparar un breve artigo (estes días andamos algo apurados) no que vos comentamos algunhas das nosas preferencias gastronómicas na cidade herculina. Xa dicimos que breve, porque a verdade é que se nos deixamos ir, isto daría para moito corenta ou cincuenta ben apetecíbeis.
Non temos afán de críticos gastronómicos nin imos desglosar aquí todas as características de cada un deles, simplemente nos apetece ofrecervos algúns dos puntos da cidade que máis nos agradan, explicando tamén algúns dos motivos. Para o resto, podedes tirar de Tripadvisor, haha. Imos alá coas nosas recomendacións!

5 recomendacións gastrocoruñesas


1. O lagar da Estrella


Situado na rúa da Estrela, conquístanos desde desde o primeiro momento. Nós sempre prestamos moita atención ao pan, e no Lagar da Estrella non descoidan isto. De feito, forma parte dos entrantes cos que imos abrindo apetito, xunto cun aceite intenso para mollar pan, nunca mellor dito.
Canto xa aos produtos de carta, a nosa experiencia veu sendo óptima desde as croquetas de mexilón tigre até unha presa de porco ibérico que demostra que aquí se prioriza a materia prima. As opcións están perfectamente distribuídas e ofrece as suficientes alternativas como para ter onde escoller sen caer no caos. 
Outra das opcións a non perder é o arroz. Nós só probamos o arroz negro con choquiños e alioli e forma parte xa do noso imaxinario da salibación. Ñam! Parece ser que o de "cochinillo" tampouco deixa nada que desexar.
E nós, aínda que vaiamos a rebentar, deixamos sitio para a sobremesa. Entre as cinco-seis opcións que presentan, cómpre mencionarmos unha porque talvez sexa das mellores da cidade canto á combinación estética-sabor. O falso tomate do Lagar xa é un clásico que se debe probar canto menos unha vez. E si, sacar foto. Neste caso o postureo é necesario.















2. Peculiar

Moi preto está outro dos nosos favoritos e descuberto recentemente. O Peculiar está nunha liña próxima á do Lagar. Oferta culinaria novidosa e innovadora sen excesos económicos. O que nos chamou a atención por riba de calquera outro aspecto aquí foi o sabor de pescados e mariscos aínda está moi lonxe de ser a típica mariscaría. De feito, degustamos nel as mellores vieiras xamais probadas. A verdade é que non o agardabamos. Acompañaban un falso risotto que deixa sen alento.
Mais non todo arroz é falso. Parece que o centro da cidade dispón de grandes especialistas arroceiros. Neste caso é para non perder un no que destaca a lura e o toque de tomate no propio arroz.
O das sobremesas tamén dá para artigo á marxe. Logran manter o alto nivel dos pratos da carta, ao tempo que sorprenden coas texturas ou combinacións. Moitos delen varían e dependen da estación. O magnum amendoado caseiro é para non perder. 
Extra: aquí tamén son imperdíbeis as croquetas. Con ali-oli de menta. Si, adiante con elas, sen medo. Namoran.
Extra 2: servizo excelente e ofrecen sempre uns filipinos caseiros con sorpresa líquida que estoupa na boca e non deixa indiferente. Mmmm...







3. Malte

O corazón gastronómico da cidade está na Galera, sen dúbida. Coñecemos esta cervexaría grazas a uns dos nosos mellores amigos e vaia descuberta! Facemos visitas frecuentes botando man do menú semanal, baseado na fusión de sabores. Aquí xa probamos desde tártaro de mexilóns, até burritos picantes, pan bao de churrasco ou croquetas de callos. Si! Que boa! E o mellor de todo é que logran convencer a pesar da intriga.
Non sabemos de moitos restaurantes que ofrezan un menú tan diferente por un prezo estándar (11-12 euros). 
E ollo, e hai que recordar que todo isto sendo as especialidades as cervexas. Mais aí xa non vos podemos dicir nada pois non somos moi amigos desta bebida. Mais de paso que ides descubrir sabores, probades tamén!




















4. Thai Market

Somos novatos canto a cociña asiática. De feito incorporámonos a este ámbito gastronómico hai pouco máis dun ano. Demasiados prexuízos e mala experiencia con comida chinesa levábanos a nos manter distantes. Mais un dos motivos principais para lle dar a volta á situación é precisamente o Thai Market, na Avenida da Marina.
Pratos abundantes, toque picante e os verdadeiros sabores da comida thai. Parece ser que foron nomeados como o mellor tailandés de España. Non sabemos se é merecido ou non, mais para nós é sen dúbida unha posibilidade inmellorábel para comer nas tradicionais cuncas de madeira. Noodles, arroces, tallaríns e unhas gyozas para relamberse.
Unha visita moi frecuente para nós e que pon o listón da gastronomía asiática moi elevado.



















5. Newroz kebap

A última das opcions é sen dúbida a máis económica. Talvez a menos sonada tamén canto a listas de Tripadvisor e demais. Mais é un punto de referencia para nós desde a chegada á cidade hai dez anos. Certo é que ten moito a ver o feito de o termos a carón da casa. Sitúase na Ronda de Outeiro 260.
Foron un dos primeiros locais turcos da cidade e reinan no ámbito dos kebabs. Aínda que se converteron xa nunha cadea con varios locais na cidade e en Galiza, este é o noso favorito.
Non hai moito por descubrir. Para nós son os mellores kebabs que hai. E se por riba, sumamos que desde hai un par de anos, traballan cunhas pizzas de kebab impresionantes, non podemos máis que desexar mil e unha vida máis ao Newroz. Amantes da cociña turca, non deixen de visitar.















Agardamos que gustedes deste artigo pouco habitual en Bolboretas no bandullo que reflicte, de forma desinteresada, os nosos gustos culinarios na Coruña. Se quixerdes saber calquera outra cuestión ao respecto ou máis artigos coma estes, xa sabedes. Comentádenolo. Nós, encantados! Forte aperta, amig@s!

2 comentarios:

  1. Tomo nota de vuestras recomendaciones aunque cuando voy a Coruña me toca comer en casa de mis cuñados si no se enfadan ,pero malo sera que alguna vez no podamos hacer una escapada.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! Pásalles as recomendacións que seguro que lles gustan ☺️😘

      Eliminar