xoves, 13 de outubro de 2016

Lembranza Box

Xa sabemos que non é frecuente encontrármonos cun novo artigo ou receita un día que non sexa martes ou sábado mais hoxe fixemos unha excepción posto que tiñamos algo que vos recomendar.
O pasado mes de abril, como xa vos comentáramos, estivemos convidados ao #EcomGastro Gastronomía y Comunicación 2.0 no Hotel Hesperia Finisterre. Ben, pois ademais do que supuxo para nós podermos presentar alí o proxecto Bolboretas no bandullo, resultou especialmente interesante polas persoas que puidemos coñecer. Unha delas foi Carol, que é quen está detrás dun fermoso proxecto como é Lembranza Box.
Desde o primeiro momento, o interese polos espazos foi recíproco e decidimos artellar algo que se foi adiando até estas datas. Hai unha semana chegou á nosa casa unha caixa desas marabillosas que preparan en Lembranza Box e abrímola de igual modo que os pequenos e pequenas cando encontran os agasallos de Nadal. E vaia sorpresas!
Mais primeiro... que é Lembranza Box? Pois como Carol nos explica no perfil da súa páxina, é unha caixa con varios produtos galegos, ecolóxicos e de produción sostíbel. Cada mes ten 5 produtos novos para desfrutar de alimentos cultivados, producidos e envasados en Galiza. Con isto procura dar a coñecer os nosos produtos ecolóxicos, de alta calidade creados por pequena empresas galegas de modo sostíbel. Pretende pois, axudar ao coñecemento destas marcas no noso territorio mais tamén alén das fronteiras.
Consideramos fundamentais proxectos coma este que ofrecen unha outra dimensión aos alimentos galegos, visibilizándoos na rede e mostrando as súas múltiplas posibilidades. Ademais, supón unha ocasión fabulosa para coñecer moitísimos produtos que por un motivo ou outro descoñecías até o momento. Así mesmo foi o que nos sucedeu con esta caixa outonal. 

Lembranza Box 



Entre as sorpresas só unha viña sen posibilidade de se degustar. Ou canto menos, non parece recomendábel, haha. Encontrámonos cunhas mostras de Naturavia (Ribadavia), Cosmética Ecolóxica Certificada, concretamente cunha crema facial de caléndula con sensación calmante e cun fluído facial de árbore de té para peles graxas. É importante resaltar que estes produtos non están testados en animais e que se conforman maioritariamente de ingredientes ecolóxicos.


Achegámonos ao ámbito dos fungos cos cogomelos deshidratados Maitake (Grifola frondosa) de Hifas da Terra (Pontevedra). Estes cogomelos, ricos en betaglucanos, proceden de Xapón onde teñen moita relevancia na gastronomía mais tamén no ámbito da medicina por ser utilizado como remedio curativo. De feito estimulan o sistema inmunitario sendo de grande axuda en períodos en que estamos baixos de defensas. Ademais, son fonte natural de nutrientes e fibra. Ofrece diferentes posibilidades de consumo: en seco, outorgando un sabor moi aromático a sopas, arroces ou pasta. Tamén se poden rehidratar usándoas posteriomente para completar calquera prato como facemos normalmente cos fungos. De todas formas, tamén poderiamos tirar proveito a esa auga que fica da rehidratación.



E nós, amantes das infusións, tivemos unha óptima noticia coa chegada na caixa deste produto de Orballo (Paderne). "El Remedio de la abuela" ofrécenos unhas infusións ecolóxicas 30% tomiño, 30% eucalipto, 20% menta e 20% malva. Todos os compoñentes destas infusións son reciclábeis ou compostábeis. Realmente, presentan un sabor moi intenso a herbas, que mostran a súa naturalidade e que son óptimos para a recuperación do frío e de calquera resfriado. Para lograr a resistencia máxima, unha cullerada de mel como acompañante pódete facer invencíbel ;-)




Mostra da complitude desta caixa está neste envasado de xarda afumada en aceite de oliva de Artemar (Cangas). Un produto totalmente artesán elaborado e envasado a man cun que todos coñecemos como a xarda galega, que provén da pesca tradicional e que adquire outra perspectiva con este baño aceitoso e cun afumado en quente con labras de faia. Para quen gustar do peixe galego, isto é obrigado.


Outro dos que consideramos produto estrela da caixa de Lembranza Box, a partir do produto base do outono galego. Esta marmelada de castañas de Souto da trabe (Vilardevós) ofrécenos todas as propiedades das castañas, que non son poucas: hidratos de carbono de procesamento lento, minerais como potasio ou ferro ou vitaminas do grupo B. En Bolboretas no bandullo vimos reinvindicando hai tempo as posibilidades da castaña e esta marmelada é unha proba, idónea para a realización de sobremesas mais tamén para utilizar con certas carnes ou peixes.




Aínda non rematamos, non! Esta caixa é como o peto de Doraemon, ten de todo! Amorodo (Forcarei) preparou unha cebola caramelizada con ingredientes de procedencia ecolóxica de sabor incríbel, que nos dá moitísimo xogo na creación de novas receitas ou para a elaboración doutras xa coñecidas. Para unhas saborosas tostas, talvez este sexa o complemento perfecto


E si, deixamos para o final o noso produto favorito que seguro que moitos de vós coñecedes: as famosas galletas de nata ecolóxicas de Granxa Maruxa (Monterroso). Para @s que tivestes unha infancia vinculada ao rural ou puidestes desfrutar do leite das vacas da casa, estas bolachiñas hanvos de traer moitos recordos pois manteñen a esencia dun dos ingredientes, o leite. As vacas son a base fundamental destas "maruxas" xa que non só pacen libremente senón que se moven ao ritmo da música que ambienta as súas instalacións. Talvez por iso nos entrasen a nós ganas de mover o corpo con cada bocado! Que delicia!  


Xa vedes, como para non se facer cun conxunto destes! Todo beneficios. Para vos facer cunha destas caixas de produtos galegos non perecedeiros, que modifican cada mes, non tedes máis que visitar a tenda de Lembranza Box e escoller a vosa preferencia. Tedes opción de vos subscribir, de realizar agasallos e de consultar calquera dúbida que vos xurdan con Carol. Nós xa temos a nosa, mais seguro que nos facemos con algunha máis, son unha marabilla!
Mil grazas a Carol por esta caixa de sensacións. Agardamos que vos guste o artigo de hoxe e que visitedes Lembranza box para desfrutardes das súas opcións variadas e ecolóxicas. Por certo, atent@s, que algunha sorpresa vai haber con estas caixiñas proximamente... Unha forte aperta, bolboretei@s.

4 comentarios:

  1. Gostei da ideia! Os produtos devem ser mesmo maravilhosos!

    Beijinho

    https://acasinhadasbolachas.blogspot.pt/

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Muito obrigado! A verdade é que são fantásticos!
      Um beijinho!

      Eliminar
  2. Pero que bien surtidita estaba esa caja y seguro que le habras sacado muy bien partido, tengo ganas de probar las Maruxas tod@s hablais maravillas de ellas solo me acuerdo de ellas cuando os las veo aqui no las he visto en ningun sitio a ver si consigo una caja cuando vaya a Lugo.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Nós coñecímolas a partir desta caixa e a verdade é que son riquísimas, moi naturais, nótase que son caseiras! A verdade é que non sabemos onde se venden, mais informarémosnos!!
      Apertas!

      Eliminar