sábado, 15 de outubro de 2016

Escalivada

Cantas ganas de Mediterráneo e cantas ganas de Catalunya, que tanto nos encanta! Como nos entrou morriña daquelas terras tivemos que botar man do modo máis rápido e sinxelo que se nos ocurriu, a través dunha das súas receitas tradicionais, a escalivada que xira arredor das tan saborosas verduras que por alí teñen. Non pode estrañar, con ese clima...
Esta denominación, que por certo nos encanta, provén do verbo catalán caliu que significa brasa, e do verbo escalivar, asar ás brasas. Nós na cociña carecemos das brasas así que optamos polo modo simple, que traballe o forno! 
É un dos pratos máis sinxelos do mundo e que ao seu tempo teñen o toque de quen cociña mais a clave está no produto. Non temos berenxena, pemento e cebola mediterráneas mais si temos uns produtos da horta que dan para facer a mellor festa de verduras do mundo e desta volta lográmolo coa receita da escalivada! 
1,2,3... endavant!

Escalivada


Ingredientes:

  • 1 berenxena
  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 2 cebolas
  • 3-4 dentes de allo
  • Aceite de oliva 
  • Sal
  • Para acompañar (opcional): pan 

Utensilios: unha fonte apta para o forno, unha táboa e un coitelo.


Elaboración:

Para comezarmos, lavamos moi ben a berenxena e os pementos, e quitámoslle a capa máis superficial ás cebolas. Colocamos as verduras na fonte do forno y engadimos os dentes de allo entre elas.


Enfornamos a 200-220º, calor arriba e abaixo, durante 45-50 minutos. 


Deixamos que se atemperen e pelamos todas verduras e cortámolas en pequenas tiras, co coitelo ou mesmo coas mans. 


Aliñamos con dúas culleradas de aceite de oliva e un chisco de sal. 


Podédela comer así tal e como está, soa ou como acompañamento doutro prato, por exemplo dun bistec ou unha carne asada. Porén, como era para a cea, decidimos facer unhas tostas, cunhas rebandas de pan tostado. Primeiro colocamos a cebola, despois a berenxena, os pementos e, por último, o allo. 




É unha receita moi sinxela, mais é moi saborosa!! Seguro que vos gusta tanto coma nos gustou a nós! 


Alén do proceso de quitar as pelicas, xa vedes que esta é unha opción cómoda e eficaz para unha cea lixeira, saborosa e de desfrute do sabor catalán, ou galego neste caso. Para @s que xa estivestes polo Mediterráneo algunha vez, xa saberedes que isto merece ben a pena. Agora só é cuestión de probarmos e engadirmos á nosa listaxe de ceas preferidas ;-) Unha forte aperta, bolboreteir@s, lémonos! 

4 comentarios:

  1. Diana e David um prémio :)

    Gosto das cores desta receita!

    http://acasinhadasbolachas.blogspot.pt/2016/10/premio-dardos-bloggers.html

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sim, já vimos mas aínda não tivemos tempo para responder! Estamos muito agradecidos.
      Obrigados pelas tuas palabras!

      Eliminar
  2. Uummmmmmmm con lo que me gusta la escalivada por que no estais mas cerca que si no me teniais a cenar seguro que estaba de muerte relenta no lo siguiente ,os ha quedado de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A nós tamén nos gusta moitísimo!! Pois cando queiras organizamos unha cea ;)!!
      Bicos mil!

      Eliminar