sábado, 9 de xullo de 2016

Quesadillas de pavo e champiñóns

Que contentos estamos agora que apareceu o sol polo norte e despois de descubrir un prato que temos segurísimo que se fará moi recorrente na nosa casa. Tiñamos ouvido falar das quesadillas e cremos que tamén probado nalgunha vez mais non debeu ser un grande éxito posto que non o lembramos.
Mais procurando nas orixes e variantes desta receita comprobamos que tiña toda a pinta de nos saber moi ben. Ademais, ofrécenos a posibilidade de utilizar produtos dos que tod@s temos na casa e xa sabedes que iso para nós é moi importante. Coñecemos a xente e na cociña diaria valórase moitísimo a accesibilidade.
Ben, pois a palabra quesadilla móstrase claramente española, con esa terminación "delatora" que neste caso non conleva o valor diminutivo. Con todo, é un alimento asociado especialmente ás terras mexicanas, onde o degustan con frecuencia con mil e unha variantes sendo sempre imprescindíbel o queixo, claro.
Con este prato demóstrase tamén que non toda a gastronomía mexicana se define polo picante aínda que nada impide utilizarmos algún mollo que nos traia os colores á cara. Ollade, ollade!

Quesadillas de pavo e champiñóns


Ingredientes (para cada quesadilla):

  • 2 tortillas de trigo/millo
  • 3 lascas de pavo
  • 1 champiñón
  • Queixo relado ao gusto

Utensilios: unha tixola, unha espátula e un coitelo.

Elaboración:


Para comezarmos, temos de pór unha das tortillas sobre a tixola, a medio lume. 


Sobre ela, colocamos as lascas de pavo.


O champiñón cortado en láminas.


E abundante queixo relado. Nós utilizamos mozzarella, mais podedes usar o que máis vos guste.


Cubrimos coa outra tortilla. 


Cando vexamos que a tortilla de abaixo xa está crocante e o queixo comeza a fundirse, debemos darlle a volta, coa axuda da espátula, e deixar que se cociñe polo outro lado. Cando estea lista polos dous lados, retiramos do lume.


 Cortámola en varios anacos e xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste. 
A apariencia é boa mais o sabor é espectacular! O triunfo do queixo unha vez máis trae o éxito á nosa cociña. Entre tortillas e queixo nós optamos por produtos clásicos que tiñamos na casa mais podedes probar con outras opcións porque veredes que isto está moi moi bo. A nós recordounos bastante, a verdade, aos sandwich, mais cremos que gana bastante coa mudanza do pan. Ou talvez sexa que o pan de molde o temos algo máis aborrecido. Queremos que nós contedes vós porque nós quedamos tan contentos coas quesadillas... 
Boa fin de semana, amig@s. Desfrutade inmensamente!!!

2 comentarios:

  1. Tengo un problema con las quesadillas y es que me vuelven loca! me pirran y me puedo llegar a comer 10 os lo aseguro; te han quedado estupendas

    Un besazo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha!! Cando se comen tantas é un bo sinal!!! A nós tamén nos encantan e cada día máis!
      Bicos e grazas!!

      Eliminar