Amosando publicacións coa etiqueta comida portuguesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta comida portuguesa. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de febreiro de 2015

Francesinhas

Parece mentira que até o de agora non tivéramos elaborado ningún prato típico de Portugal, co que nos adoramos a gastronomía lusa! Ás veces non somos conscientes das posibilidades que nos ofrece o noso idioma para acceder á cultura lusófona, e neste caso no tocante ás receitas. Se gostades da gastronomía portuguesa ou brasileira (tamén caboverdiana, angolana, mozambicana...) tedes moi sinxelo coñecerdes os seus pratos botando un ollo pola rede. E sen necesidade de tradutor ningún. Vantaxes de sermos galeg@s e termos un idioma internacional ;-)
Deste xeito, puxémonos a procurar algo ben típico do país do sur (que non fose bacallau, xa que non nos entra polo ollo) e lembrámonos de que na cidade de Porto é moi moi coñecido un estilo de sándwich chamado francesinha, recheo de diferentes embutidos e cun mollo ben gorentoso. Iso si, existen mil e unha variantes dela. 
Non é un alimento de moito tempo atrás xa que parece que foi inventada na década dos 60 por un emigrante retornado de Francia, que decidiu adaptar un snack francés aos ingredientes e gastronomía portuguesa. E o resultado, pois todo un éxito. Tedes aquí a interesante orixe deste prato por se quixerdes saber algo máis del :-)
O ideal é viaxar a Porto para degustar o verdadeiro, cos produtos máis típicos da zona, mais entanto non chega o momento, temos que nos conformar con facelo na casa e cos produtos galegos.


Francesinhas

Ingredientes:

Para o sándwich (por unidade):
  • 3 rebanadas de pan de molde
  • 6 lascas de chourizo
  • 3 lascas de queixo
  • 2 salchichas frescas
  • 2 lascas de lombo adobado
  • 1 lasca de xamón 
  • 6-8 follas de espinacas 

Para o mollo (para 3 ou 4 unidades): 
  • 400 gr de salsa de tomate caseira (ou tomate triturado)
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo 
  • 1/2 pemento verde picante (ou normal)
  • 1 cullerada de fariña de millo