venres, 1 de decembro de 2023

Torta natalicia de chocolate con ganache de chocolate branco

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Chegou decembro o mes do Nadal, e con el unhas receitas deliciosas cun toque natalicio. Ao final conseguimos aguantar até o día 1, eu creo que nin nós mesmos tiñamos confianza niso!
Comezamos cun doce exquisito, moi vistoso que se alonxa un pouco das lambonadas típicas desta época mais sería unha opción xenial para unha comida/cea con amigos ou para sorprender na mesa de Nadal ou fin de ano. Iso si, é unha torta para adictxs ao chocolate, biscoito de chocolate e ganache de chocolate branco! Aínda que a torta sexa un pouco laboriosa, é moi sinxela de facer, ao igual que a decoración. 


Torta natalicia de chocolate con ganache de chocolate branco



Ingredientes (para un biscoito alto de 22 cm): 

Para o biscoito: 

  • 800 g de fariña 
  • 520 g de azucre 
  • 500 ml de leite        
  • 500 ml de auga 
  • 360 ml de aceite de oliva suave 
  • 100 g de cacao 
  • 2 sobres de lévedo en po 

Para a ganache de chocolate branco do recheo: 

  • 400 g de chocolate branco de cobertura 
  • 150 ml de nata 
  • 30 g de manteiga 

Para a ganache de chocolate branco da cobertura: 

  • 350 g de chocolate branco de cobertura 
  • 120 ml de nata 
  • 25 g de manteiga 

Para a decoración: 

  • 80 g de chocolate de cobertura 
  • Boliñas de cores 
  • Purpurina alimenticia (opcional)
  • Boliñas de Nadal 

Utensilios: varias cuncas, un batedor eléctrico, un (ou varios) moldes desmoldábeis, unha espátula, un cazo, papel vexetal, manga pasteleira e un prato para a presentación final. 



Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer os biscoitos, nós repartimos a masa en 4 e forneamos os biscoitos de forma individual no molde. 
Primeiro de todo, tamizamos a fariña, o cacao e o lévedo. Mesturamos moi ben e agregamos o azucre.


A continuación, mesturamos o leite, a auga e o aceite e agregámolo á mestura anterior. 

Como vedes tiven un pequeno axudante ;)
  


Repartimos nos moldes e forneamos cada un a 190º, calor arriba e abaixo, durante 35 minutos. 


Deixamos arrefríar mentres cociñamos os outros biscoitos. A continuación, coa axuda dun coitelo, cortamos a parte superior dos biscoitos para que queden lisos e o resultado sexa mellor. A parte sobrante podémola aproveitar para facer piruletas, migas de biscoito para algunha decoración doutro doce... ou incluso os podemos conxelar para utilizalos noutra ocasión.


Agora que xa temos os biscoitos listos, temos de preparar a ganache para o recheo. Derretemos o chocolate xunto coa manteiga no microondas, ou ao baño maría. 


E engadímoslle a nata quente. Mesturamos moi ben até termos unha crema homoxénea e brillante. 

  

E empezamos coa montaxe da torta! Colocamos no prato dous anacos de papel vexetal para que sexa máis fácil de retirar despois. colocamos unha parte do biscoite e reenchemos con parte da crema, repetimos até acabar coas 4 partes do biscoito. Refrixeramos durante, mínimo, 30-40 minutos.

  

Preparamos a ganache para a cobertura da mesma forma que fixemos co recheo. Vertémola pola superficie e, coa axuda dunha espátula, ímola estendendo por toda a torta. Refrixeramos durante 3-4 horas como mínimo, mellor se a deixamos dun día para outro. 

 

Para facermos a decoración da torta, temos de derreter o chocolate e botalo nunha manga pasteleira e debuxamos as nosas árbores natalicias e colocámolles as bolas de chocolate. Refrixeramos de novo até que solidiquen. 


Para pegalos á torta, temos que derreter un chisco máis de chocolate para que queden ben fixados. Tamén botamos a purpurina e as boliñas natalicia, no noso caso son folerpas de neve.


E xa teríamos a nosa torta lista para comer! Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. 


Que pintaza, verdade? A verdade é que será o centro de todas as miradas e será motivo polo que os vosos comensais repetiran, incluso despois dunha copiosa comida. Veredes que o biscoito ten un intenso sabor a chocolate que se compensará coa crema de chocolate branco, e ese toque crocante das árbores de chocolate completará a fantasía. 


Para nós este mes sempre foi moi especial e cada vez o é máis. Ademais, é unha grande oportunidade para xogarmos coa comida para intertarmos sorprender á nosa xente neste mes en que temos tantos eventos e nos xuntamos con moita xente. Esta é a primeira receita mais moi pronto teredes as seguintes. 

Unha aperta forte, bolboreteirxs! Lémonos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario