martes, 12 de decembro de 2023

Galletas natalicias

Bo día, bolboreteirxs! Facer galletas é un dos plans favoritos dos días de choiva ou de frío que non apetece moito saír da casa; ademais, se as facemos en familia todo é máis especial, porque os peques sempre están moi motivados. Alén disto, cando as galletas estean feitas podemos facer un chocolate quentiño mentres desfrutamos dunha película xuntos. 

Estas galletas tamén son ideais para regalar, meténdoas nunhas bolsiñas bonitas cun lazo, ou incluso para facer adornos para a árbore comestíbeis. Son agasallos do máis especial, xa que están feitos con todo o noso cariño e amor. 


Galletas natalicias



Ingredientes: 

Para as galletas: 

  • 145 g de fariña 
  • 50 g de fariña de améndoa        
  • 115 g de manteiga 
  • 60 g de azucre glas 
  • 1 culleriña de vainilla 
  • 1 culleriña de canela 
  • 1 xema 
  • Un chisco de sal 

Para a decoración: 

  • Chocolate negro/con leite 
  • Chocolate branco 
  • Decoracións variadas de Nadal 

Utensilios: varias cuncas, un batedor, un rolete, papel vexetal, moldes e mangas pasteleiras.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de bater da manteiga, a temperatura ambiente, xunto co azucre. Cando estean integrados, agregamos a xema e a vainilla. 



De seguir, agregamos as fariñas e o sal, tamén a canela. Mesturamos moi ben. 


Amasamos até obtermos unha masa homoxénea. Nós engadimos a canela neste paso porque se nos olvidou no paso anterior. 


Estiramos a masa entre dous papeis vexetais cun grosor de 4-5 mm e refrixeramos durante 1 hora, aproximadamente. 


Pasado ese tempo, facemos a forma cos moldes e, se queremos que sexan adornos, facemos un burato na parte superior cunha palla. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 10-11 minutos, até vexamos que os bordos empezan a dourarse. 


Deixamos arrefríar e decoramos cos chocolates e as diferentes decoracións que teñamos. Deixamos repousar un pouco máis para que endureza o chocolate. 


E xa estarían listas para comer! Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica. 


Como vedes son moi sinxelas e divertidas de facer. O único que necesitamos é uns moldes orixinais para que queden unhas galletas expectaculares. Desta volta, nos fixemos unha decoración máis fácil mais podedes deixaar voar a vosa imaxinación e decoralas con fondant ou glasa real. 


Unha aperta forte, bolboreteirxs 🥰! Lémonos ❤️!


 

1 comentario: