sábado, 30 de decembro de 2023

Árbore de Nadal (10º aniversario)

Bo día, bolboreteirxs! Hoxe é un día moi especial, non só porque é a última receita deste ano 2023, senón tamén porque hoxe é o noso 10 aniversario. 10 anos xuntos, bolboreteirxs, nos que compartimos receitas e vivistes con nós moitos momentos especiais da nosa vida. Mil grazas polo voso apoio e por estar sempre aí léndonos e apoiándonos neste aventura. Sodes unha motivación para seguirmos cociñando e xogando cos ingredientes. 
Como vos contamos o outro día, estamos embarazados de novo, en breves teremos a Maia con nós e agardamos que sigades vendo desde as vosas pantallas como este amor e estas receitas medran e medran. 
Para celebrarmos este décimo aniversario, deixámosvos a última receita do ano, unha árbore natalicia moi vistosa, ideal para rematar a última cea do ano ou empezar o 2024 da mellor forma posíbel. 
Evidentemente, sabemos que nas vosas mesas non han de faltar turróns, mazapáns e doces tradicionais de todo tipo mais como son datas de xuntarnos a nós sempre nos gusta tirar dalgún recurso orixinal coa intención de sorprender. Velaquí esta nosa idea que a fin de contas resume un pouca as nosas intencións nestes dez anos, achegarvos unha pouca de cor e moito moito sabor. 


Árbore de Nadal (10º aniversario)



Ingredientes: 

  • 2 láminas de follado     
  • 1 ovo 
  • Azucre 
Para a crema pasteleira de laranxa e canela: 
  • 1/2 l de leite 
  • 80 g de azucre 
  • 50 g de fariña fina de millo (maicena) 
  • 4 ovos 
  • 1 cullerada de canela 
  • A monda dunha laranxa
Para a decoración: 
  • Merengues (claras de ovo, azucre e vainilla) 
  • Colorantes 
  • Purpurina comestíbel (opcional)


Utensilios: unha bandexa de forno con papel vexetal, un cazo, varias cuncas, un batedor manual e un eléctrico, un coitelo, unha manga paseteira e papel transparente.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a crema pasteleira. Para iso, temos que botar o leite nun cazo coa monda da laranxa e a canela. Levámolo ao lume até que ferva. 


Mentres tanto, mesturamos as xemas dos ovos xunto co azucre. Engadimos a fariña, pouco a pouco e remexemos moi ben. 

  

Cando o leite ferva, coámolo e engadímolo á mestura anterior, sen deixar de remexer. 


Cando estean ben integrados, volvemos a mestura ao cazo e quentamos, a lume medio-baixo, até que espese a nosa crema. Retiramos do lume, tapamos con papel transparente e deixamos arrefiar. 


Mentres a nosa crema repousa, facemos as nosas árbores de follado. Dámoslle forma ás nosas láminas coa axuda dun coitelo. Nós imprimimos unha silueta dunha árbore para que nos fora máis sinxelo darlle forma ao follado. Pintámolo con ovo batido e empoámolo cun chisco de azucre. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 15-17 minutos, ou até que vexamos que está douradiño. Deixamos arrefriar un pouco, tamén. 

 

A continuación, metemos a crema na manga pasteleira e botámoslla a unha das formas da árbore. Tapamos coa outra lámina de follado e repetimos a decoración coa crema. 


Agora, decoramos cos merengues (receita aquí) e coa purpurina comestíbel. Obviamente, esta é unha idea de decoración, podedes deixar voar a vosa imaxinación e creatividade. Nós decicimos facer os merengues para aproveitar as claras que nos sobraron das cremas e, tamén, porque había un montón de tempo que non os faciamos. 


E xa teriamos a nosa sobremesa prepararada. 


Como vedes, é moi colorida e vistosa, ideal para estes días de celebración. Ademais, é unha opción xenial, e máis fresca, para despois dunha copiosa comida. Esta foi a idea orixinal desta receita, cando nos chamaron de La Voz de Galicia para participarmos nunha reportaxe sobre sobremesas diferentes de Nadal. 
Como xa vos dixemos na introdución, estamos preparando algo para celebrarmos os 10 anos de Bolboretas no bandullo que vos compartiremos proximamente. Así que, unha vez máis mil grazas por estar sempre aí apoiándonos e moi moi feliz, e próspero, 2024. 
Unha aperta forte, bolboreteirxs 🥰! Lémonos ❤️!

Ningún comentario:

Publicar un comentario