Feliz 2023, bolboreteirxs! Esperamos que este ano veña cargado de moita felicidade e que todos os vosos desexos se cumpran 🥰❣️ Nós esperamos seguir acompañándovos un ano máis e que as nosas receitas vos gusten e as poñades en práctica 😉.
Primeira receita do ano e, como non podía ser doutra forma, traémosvos unha nova versión do Roscón de Reis 👑. Xa sabedes que tedes a versión clásica, unha das máis lida do noso blogue, e a versión chocolateada. A torta "Red Velvet" é unha das nosas favoritas e cando lle vimos a Alma Obregón a receita deste delicioso Roscón non dubidamos en poñela en práctica. Veña! Tomade nota, que aínda nos dá tempo de facelo para a noite do 5 ou o almorzo do 6.
Roscón "Pink Velvet"
Ingredientes:
- 415 g de fariña de forza
- 160 ml de leite
- 90 g de azucre
- 60 g de manteiga
- 7 g de lévedo seco de panadaría
- 2 ovos
- 3 culleradas de esencia de vainilla
- 1 cullerada de cacao puro
- Unha culleriña de zume de limón
- Un chisco de sal
- Colorante rosa (ou o que máis vos guste)

Para o recheo:
- 300 g de azucre glas
- 200 g de queixo de untar
- 125 g de manteiga
Utensilios: dúas cuncas, un batedor eléctrico ou manual, unha bandexa apta para o forno cuberta con papel vexetal, un pano (ou papel transparente).
Elaboración:
Para comezarmos, temos de mesturar o leite co zume de limón e deixámolo repousar. Mentres tanto, botamos nunha cunca a fariña co azucre, o sal, o cacao e o lévedo. Mesturamos moi ben.
De seguir, incorporamos o leite e os ovos batidos.
E o colorante e a vainilla.
Amasamos moi ben até obtermos unha masa elástica e homoxénea. Cando teñamos a textura correcta, agregamos a manteiga, pouco a pouco.
Tapamos e deixamos repousar até que duplique o seu tamaño. Aproximadamente 1 hora.
A continuación, debemos darlle forma. Para iso, temos que botar unha pouca de fariña (non moita para que non cambie a cor) ou cacao en po e darlle forma ao roscón. Nós usamos un molde para facerlle a forma e forneámolo así. Forneamos a 190º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos. Deixamos repousar.
Para o recheo nós fixemos a crema de queixo tan típica desta torta. Mesturamos o azucre coa manteiga até que se integren ben. E, cando estean ben homoxéneos agregamos o queixo e mesturamos moi ben. Abrimos o roscón e botámoslle unha boa capa e podemos pór tamén un por enriba para decorar.
E xa estaría listo para comer!
Nós, o ano pasado, deixámoslles un anaco do roscón, xunto cuns bombóns e leite para o Reis e unhas cenorias e auga para o camelos e non deixaron absolutamente nada. A verdade é que é un doce diferente mais está moi moi saboroso.
Nós xa estamos desexando que chegue o día 5, xa que desde que está Xiao, é unha noite súper máxica para nós! Agardamos que tamén o sexa para vós e que desfrutedes moito do que queda do Nadal 👑🎄.
Ningún comentario:
Publicar un comentario