xoves, 29 de decembro de 2022

Hamburguesa con queixo de cabra e cebola caramelizada

Bo día, bolboreteirxs! Como van estas festas? Agardamos que as esteades gozando como máis vos guste. 
O outro día vimos unha receita dunha rapaza que recreaba a hamburguesa Kendall Bacon do Goiko e decidimos darlle unha volta para adpatala aos nosos gustos. Asegurámosvos que é exquisita e con moito sabor coa que triunfar cunha cea máis especial.  


 Hamburguesa con queixo de cabra e cebola caramelizada 



Ingredientes (para 2 hamburguesas): 

  • 400 g de carne picada 
  • 3-4 lascas de bacon 
  • 20-30 g de queixo de cabra 
  • 1 cebola pequena caramelizada (receita aquí)      
  • Pementa moída 
  • Allo en po 
  • Cebola en po 
  • Ourego 
  • Sal 

Para montar a hamburguesa: 
  • 2 boliños de hamburguesa, nós usamos brioche 
  • Cebola fritida 
  • Leituga 

Utensilios: unha cunca, un aro par darlle forma (opcional), unha táboa e un coitelo e unha tixola (ou prancha). 


Elaboración: 


Para comezarmos, sazonamos a carne coa cebola, o allo, o ourego, a pementa e o sal, de feito, sería xenial facer isto 2-3 horas antes. 


De seguir, engadimos a cebola caramelizada, o queixo de cabra e o bacon, cortado en anacos. 


Mesturamos ben e dámoslle a forme redondeada, se queredes, podedes usar un molde. 


Rustrimos as hamburguesas nunha cullerada de aceite. Tede en conta, que nos van saír dúas hamburguesas grandiñas. 


E chegou a hora de montar a hamburguesa! Torramos un pouco o pan, colocamos unhas follas de leitugs e a hamburguesa. 


Por último, botamos unha pouca de cebola fritida e tapamos coa outra parte do boliño. 


E xa está lista para comer! Nós acompañamos cunha pouca de bataca, feira na fritideira de aire! Mais podédeslle engadir algunha salsa, cogombriños, tomate etc. 


Nós esperamos que vos guste e que polades esta receita en práctica. 


Ao estar escribindo a receita estásenos facendo a boca auga 🤤! Que delicia e, como vedes, cuns ingredientes moi sinxelo podemos facemos unha boísima receita 🤤🤩🤤❣️ Gústavos as hamburguesas mais elaborades ou preferides simplemente carne e queixo? Contádenos! Aperta forte 🥰❣️


Ningún comentario:

Publicar un comentario