Xa volvemos do verán hai unhas semanas mais a tempada de sorpresas comeza oficialmente hoxe coa renovación da nosa sección favorita, o Bolboreteando. E facémolo con alguen ben prezado para nós, que admiramos xa desde tempos da adolescencia en que faciamos as primeiras lecturas míticas e lendarias e que coñecemos hai un ano pola Mariña, terra que compartimos. Falamos de Antonio Reigosa. Sempre nos apaixonou o descoñecido das lendas, a tradición residente na memoria d@s nos@s maiores e a verdade é que cada un dos traballos de Reigosa teñen esa maxia que rodea a literatura popular e que acaba por nos conquistar. E Antonio tamén nos conquistou, claro, desde o primeiro momento.
Foto tomada de blog.xerais.gal |
Antonio Reigosa naceu en día grande, o 15 de agosto do 58, en Zoñan (Mondoñedo). As súas experiencias infantís na zona xa o aproximan a unha fantasía popular lúdica, descubertas e imaxinación, que o acompañaría toda a vida. Precisamente do seu Mondoñedo benquerido sería nomeado o pasado 2015 Cronista Oficial.
Traballa no Departamento de Comunicación da Rede Museística da Deputación de Lugo desde comezos dos 80 e ademais leva durante todos eses anos impartindo conferencias, investigando e escribindo arredor da mitoloxía e literatura oral galega colaborando en diferentes medios e revistas especializadas. É creador dun dos espazos clásicos da rede dixital galega (desde 2005), "Galicia Encantada. Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia" en que podemos navegar horas e horas procurando entre a maxia de cada unha das parroquias do noso país.
Alén do campo de investigación e estudo, leva publicadas numerosas obras de literatura infantil e xuvenil como "Memorias dun raposo" co que ganou o Premio Merlín e foi finalista do Nacional de Literatura Infantil en 1999, "Bacoriño", ou "O aprendiz de home do saco". Cómpre destacar tamén un conxunto de traballos e compilacións con Xoán Ramiro Cuba e Xosé Miranda como "Arrepíos e outros medos". Podedes saber moito máis de Antonio Reigosa na Internet mais antes de pasarmos á ansiada entrevista queriamos recomendarvos encarecidamente unha das súas últimas obras, "Lendo lendas digo versos", onde, con Antonio García Teijeiro, tiran beneficio da lírica da propia fantasía o que se intensifica con creacións poéticas do autor vigués.
Imos aló coa entrevista:
Grazas Antonio por vires perder un pouco do teu tempo neste espazo dixital en que agardamos te sintas tan cómodo como no máxico “Galicia encantada” que tanto nos entretén da túa man. Falabamos xa hai tempo de termos esta conversa así que estamos encantados de te ter aquí tendo moitas preguntas que che facer e agradecéndoche tanta amabilidades sempre para te dirixir a nós.
- Antonio Reigosa representa o respecto e o amor pola cultura popular galega ao que se leva dedicando toda a súa vida. De onde vén este apego á nosa tradición?
- Supoño que esa querenza nace, como tantas cousas, na infancia. Mesmo, incluso, da necesidade de comprender eses dous mundos sempre en conflito: o chamado culto e o popular, substrato este último sobre o que se constrúen ou recrean novas formas culturais.
- Nas investigacións feitas ao longo de tantos anos imaxinamos que será clave o contacto directo con xeracións que testemuñen ou recorden certas lendas ou contos. Como é a achega a estas persoas para tirarmos proveito dos seus recordos, das súas experiencias, da súa imaxinación?
- Precisamos dese alento que nos dá a tradición e a literatura que se transmite oralmente. Cambian os temas, mesmo a forma de dicilos ou de cantalos pero sempre precisaremos narrar o que sabemos para auto-recoñecernos. Todas as xeracións intentamos, seguramente inconscientemente, perpetuarnos e as sociedades usan tradicionalmente as lendas, os mitos, cantos e contos para testemuñar ese seu pasar polo mundo. Un saber que é a memoria decantada de moitos séculos.
- Pasándomos xa ao ámbito da gastronomía. Que peso cres que pode ter esta na dignificación e resistencia da cultura galega?
- Aínda quen non sexamos tampouco moi conscientes, as nosas vidas e a nosa cultura está condicionada por olores, colores e sabores asociados moi especialmente aos alimentos que nos dan vida. Comemos o que comemos, elaborado de formas máis ou menos tradicionais (ou pseudotradicionais) porque forma parte dun ritual complexo e diverso, relacionado coas festas, cos traballos e coa socialización. Dános seguridade pensar que sempre foi así, que esas receitas perduran no tempo aínda que as culturas, como os gustos, navegan e mudan coas experiencias das sucesivas xeracións.
- Os hábitos alimenticios teñen mudado moitísimo na Galiza co paso do tempo, en boa parte polo deslocamento físico cara ás cidades e tamén polo desenvolvemento socioeconómico. Botas algo en falta da alimentación diaria ou dos costumes alimentarios da túa infancia en Mondoñedo?
- Realmente non boto nada en falta en especial porque nos adaptamos facilmente ás novas situacións. Pero si recoñezo que na memoria quedan sensacións, imaxes e olores dos tempos da infancia, curiosamente case sempre asociados aos cambios de estación ou aos momentos do ano nos que se realizaban determinadas recoleccións ou se abastecían as despensas. Son memoria as carnes frescas tras a matanza do porco, o pan acabado de cocer, as castañas, noces ou patacas novas... Nas aldeas comíanse preferentemente “produtos de temporada”; adaptábanse os menús á produción puntual. Verduras de verán ou de inverno, froita no verán. Quen non lembra os guisos cos primeiros chícharos, xudías, tomates, nabizas, cimos...!
- Cando conversabamos con Antonio, xa hai tempo na Feira do Libro de Ribadeo, tiñamos xa intriga arredor da presenza da cociña, dun prato ou dun alimento nalgunha das milleiras de lendas que temos no país. Poderíasnos contar algún caso que recordes?
- Os mouros comen carne de porco e beben viño. Os trasnos devecen polo leite e pola manteiga. O pan ou os queixos teñen utilidade (non para comelos) senón para desencantar mouras encantadas en lugares con auga. O mundo da bruxería usa de todo, desde herbas ata excrementos, pelos e animais do máis noxento para elaborar as súas apócemas. O sal, substancia fundamental na alimentación humana, ten unha presenza simbólica impresionante en ritos diversos. Nas lendas galegas non aparecen menús elaborados asociados a seres concretos. Debe terse en conta que estamos diante dunha linguaxe simbólica e que os alimentos que se menciona nos relatos lendarios responden a esa función. No mundo do imaxinario non ten sentido concibir o alimento como necesidade nutricional.
- Seguindo coas lendas, cal cres ti que é a que mellor representa o espírito místico e de imaxinación da Galiza? E cal a túa figura popular favorita?
- Non hai, non pode haber, unha soa lenda que acumule por si soa ese espírito representativo, como non hai un só sentir á hora de narralas ou de escoitalas. Aínda que formemos parte dun sistema cultural bastante uniforme cadaquén, desde as nosas experiencias e crenzas, interpretamos os relatos de forma diferente. Hai que se apaixona co lendario relixioso cristianizado, e quen o fai cos relatos que sobreviven do que a igrexa oficial chama mundo pagán. Por exemplo, lendario do mar e o de terra son diferentes, como o son os referidos a xacementos arqueolóxicos da prehistoria se os comparamos co relacionado con construcións medievais ou coa natureza. Eu creo que cada lugar xeográfico ou imaxinario con referencia lendaria é un centro singular, único, do noso universo cultural, unha especie de santuario. E como personaxe referencial eu diría que o é a Moura, as mouras, a vella deusa que se manifesta como deusa do mundo pagán ou transformada en santa ou virxe cristiá. Un sincretismo perfectamente coherente, capaz de que, sen que o personaxe Moura perda a súa identidade, se adapte aos novos modelos de poder.
- Ao noso ver, como docentes, o proveito didáctico da fantasía e mitoloxía é inmenso e debe integrarse nas aulas. Como ves a actitude das novas xeracións cara ao corpus popular galego?
- Creo que podería ser moi útil achegar o coñecemento da nosa mitoloxía popular ás xeracións máis novas. Sería útil para que entendesen, comparándoa con outras mitoloxía populares, que todos entendemos este pasar pola vida de forma idéntica. Que hai unha cultura popular universal, que atende ás preocupacións básicos dos humanos, sexan de onde sexan: de onde vimos, que facemos e que nos agarda despois da morte. E tamén sería moi útil para que entendesen que esa mitoloxía forma parte de todo o que nos rodea, desde a toponimia ata o que chamamos Máis Alá. Claro que esa actitude precisa de propostas didácticas concretas, de interese por parte do profesorado e de amor compartido polo que nos identifica no máis íntimo: o afán de transcender como colectividade cultural.
- Antonio Reigosa foi nomeado en 2015 Cronista Oficial de Mondoñedo, un concello cheo de historia e cultura representado por Cunqueiro, coñecedor tamén da fantasía galega e amante da nosa gastronomía. Aínda que faleceu cando aínda eras un mozo, chegaches a coñecelo?
- Non cheguei a coñecelo en persoa. E ben que o sinto. Comezaba a interesarme pola súa obra cando morreu, que desde entón forma parte da bagaxe emocional da miña vida. Mondoñedo, por historia, merecía un Cunqueiro, e, probablemente, un Cunqueiro só podería nacer en Mondoñedo.
- Mondoñedo é un dos enclaves máis fermosos da Mariña. Hai algunha lenda que che teña chamado especialmente a atención da nosa comarca?
- Hai moitas lendas tanto en Mondoñedo como no resto da Mariña. Moitas e de todos os tipos. Desde que teñen que ver coa mundo prehistórico, cos castros e demais monumentos da antigüidade ata as de tipo relixioso, vencelladas a santuarios ou á desaparición por asolagamento de vilas e lugares. A de San Gonzalo afundindo barcos inimigos na baía de Foz a forza de nosopais é unha das miñas preferidas. Pero tamén me encantan as lendas referidas á Cova do Rei Cintolo, e o que se di sobre a paraxe única de San Estevo do Ermo, ou a que conta como chegou o sartego do Conde Santo ata Vilanova de Lourenzá.
- Seguíndomos coa nosa benquerida Mariña Luguesa. Que prato ou sobremesa destacarías como mellor representante da gastronomía mariñá?
- Afortunadamente, a gastronomía da Mariña é moi variada e case toda fantástica. Eu prefiro comer peixes e mariscos na beiramar e carnes e outros produtos onde se crían. Non me importaría comer un sargo en Viveiro ou Vicedo, unhas troitas na Pontenova, unha carne, debidamente acompañada de produtos da horta, no Valadouro ou en Mondoñedo. En canto ás sobremesas gusto das receitas caseiras.
- Aínda que estariamos conversando con Antonio horas e horas, cómpre irmos pechando este entretidísimo espazo dándolle mil millóns de grazas e lanzando unha última cuestión. Que menú configurarías para unha visita da Santa Compaña á túa casa ;-)?
- Caramba! O primeiro que desexo é que non me veña visitar en moito tempo! A Compaña ten como misión principal anunciar a inmediata morte de alguén da casa que visita. Pero se os da Compaña non van cunha misión dese tipo senón de visita de cortesía ou por outro motivo (digamos, por saudar) e como sei que pertencen ao mundo dos que non comen, ofreceríalles un menú imaxinario que lles prepararía ao gusto que manifestase cada un dos membros da Estadea. Pero hai que ter en conta que un dos membros dunha Compaña ben formada, só un, ten que ser vivo. É o que leva a cruz, e este non ten máis preocupación que pasarlle a cruz a outro vivo, e así librarse dun traballo tan pouco atractivo. Este precisaría comer alimentos de verdade, e eu ofreceríallos á carta, conforme ao que pedise pero, iso si, procurando non ter o descoido de collerlle a cruz cando alegase que precisaba as dúas mans para comer o que se lle antollase. Só me preocuparía non caer nese engano.
Pemento verde recheo con bacallau e pataca ao estilo Zoñán
Ingredientes:
- Porción de bacallau cru, sen pel, desalgado e desespiñado (150-200 gr.)
- 1 pemento verde
- 1 pataca pequena
- 1 cebola pequena
- Aceite
- Allo
- Pemento doce
- Salsa maionesa
Preparación:
Baleiramos o interior do pemento.
Cocemos a pataca e auga, co sal preciso.
Nunha tixola cun pouco aceite, un dente de allo e cebola cortada en anaquiños, douramos a lume baixo.
Esmigallamos o bacallau, esmagamos a pataca e engadimos á tixola cun culleradiña de pemento doce. Mesturamos todo, probamos como está de sal e reenchemos o pemento.
Poñemos o forno a 180º.
Envolvemos o pemento xa recheo en papel de aluminio e metemos no forno durante 30 minutos.
Preparamos unha salsa maionesa, engadíndolle un dente de allo e un pouco de pemento doce.
Servimos coa salsa e a comer!
Que aproveite! Resulta complexo saber que alimenta máis, se estes pementos que nos presenta Antonio, directos ao bandullo, ou todas estas palabras e lendas, directas ao maxín.
Mil grazas pola vosa lectura e obrigadísimos a Antonio por todo este tempo que dedicou a Bolboretas no bandullo. Valoramos inmensamente a amabilidade coa que sempre nos trata e a dedicación e paixón en todo o feito. Fortísima aperta!!
Mil grazas pola vosa lectura e obrigadísimos a Antonio por todo este tempo que dedicou a Bolboretas no bandullo. Valoramos inmensamente a amabilidade coa que sempre nos trata e a dedicación e paixón en todo o feito. Fortísima aperta!!
Como siempre una entrevista fantastica me ha encantado conocer un poco mas Antonio Reigosa .
ResponderEliminarEl pimiento relleno de bacalao a su estilo se ve divnisimo y seguro que esta de muerte relenta no lo siguiente.
Bicos mil y feliz finde wap@s.
Moitísimas grazas, guapa!!
Eliminar