Bo día, bolboreteir@s!!! Como vai todo? Se xa andamos de volta na rutina o clima desta fin de semana xa nos fai achegar aínda máis ao inverno. Vai haber que comezar cos caldiños e as cremas. E material para iso temos porque andamos cos excedentes da recollida da froita de tempada. Este ano a horta deu de si. Cabaciñas, pementos, tomates, cebolas, cogombros... E nós tan contentos. Iso si, convén darlle voltas á cabeza para lle dar saída a tanta verdura.
O primeiro co que nos encontramos foi cunha chea de cabaciñas. Fixemos, como non, os nosos adorados Spaguetti de cabaciña mais aínda así pensamos noutras posibilidades. Ben, pois como esta verdura ten un sabor tan suave, quixemos darlle saída como acompañante de pasta, neste caso ravioli. Veredes que marabilla!
Ravioli con salsa cabaciña
Ingredientes:
- Ravioli
- 1 cabaciña grande ou dúas medianas
- 6 dentes de allo
- 4 champiñóns
- 1 vaso de caldo vexetal
- 80 gr. dun queixo suave (nós utilizamos Arzúa-Ulloa)
- 1 chisco de alfábega
- 1 chisco de sal
- 1 chisco de pementa
- Aceite de oliva
Utensilios: un cazo, unha tixola, un batedor eléctrico.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de preparar a salsa de cabaciña. Para iso, temos de rustrir en dúas culleradas de aceite os dentes de allo e a cabaciña, ambos cortados en dados pequenos.
Deixamos cociñar uns minutos e engadimos os champiñóns laminados.
Deixamos que se cociñen un pouco os champiñóns e engadimos o caldo. Cocemos 10-12 minutos.
Trituramos co batedor eléctrico.
E engadimos o queixo cortado en dados para que se funda con máis facilidade, a pementa moída e o sal ao gusto. Reservamos.
Á parte, cocemos a pasta en abundante agua con sal seguindo os tempos marcados. Escoaemos e servimos acompañado da salsa de cabaciña.
Agardamos que vos guste e que poñades en práctica esta deliciosa salsa, porque de seguro vos vai encantar.
Ficou tan cremosa que poderiamos comela soa. De feito, a cantidade era maior ao cociñala que cando chegou ao prato pois co conto de probala e iso... As cabaciñas son unha marabilla, e estas máis, mais non nos cansamos de reivindicalas como un superalimento tanto por propiedades como polas posibilidades gastronómicas que ofrece (cremas, salsas, tempuras...).
Non sabemos nós, mais a nós entrounos fame, e por aquí aínda quedou algunha cabaciña... Unha forte aperta, amig@s!!!
Uummmmmmmmmmmmmmm como tenia que estar esa salsa seguro que estaba de muerte relenta no lo siguiente ,una pena no poder meter el tenedor y dar cuenta de un plato.
ResponderEliminarBicos mil y feliz inicio de semana wap@s.
A verdade é que a salsa é espectacular! Ademais de ser perfecta para calquera pasta ;)
EliminarUn bico!