Bo día, as receitas non paran e nós seguimos argallando en novas ideas como a que hoxe vos presentamos.
Esta semana, con motivo do Sant Jordi, chegounos un novo libro de Isasaweis, unha das nosas autoras favoritas e dando unha primeira ollada xa chegamos a unha das súas marabillas que nos serviu para nos inspirar e crear esta delicia que hoxe vos traemos a Bolboretas no bandullo.
Unha vez máis damos todo o protagonismo ás verduras, destacándomos as espinacas, polo que nos aseguramos un prato ben apetecíbel. Cremos que xa vos dixemos unhas cantas veces o que nos fan perder a cabeza esta tipo de verduras.
Ides ver que achegamos algunha proteína a través dos champiñóns para facermos máis completa a receita. Desta forma imos ter as ceas máis saborosas! A por ela!
Verduras á crema
Ingredientes:
- 400- 500 g de espinacas
- 250- 300 ml de leite evaporado
- 4-5 champiñóns grandes
- 3-4 culleradas de améndoas
- 2 queixiños
- 1 cebola
- 1 dente de allo
- 2 culleradas de aceite
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: unha tixola, unha culler, unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, rustrimos o dente de allo, cortado en láminas, en dúas culleradas de aceite.
Engadimos a cebola cortada en xuliana.
E tamén os champis, lavados e cortados en lascas. Deixamos que se cociñe todo 5-6 minutos.
Engadimos as espinacas e mesturamos ben.
Cando se integren ben, engadimos os queixiños e o leite evaporado.
Tamén a améndoa e mesturamos ben. Deixamos que se cociñe todo xunto, aproximadamente, 15 minutos.
E xa estarían listas para comer!
Agardamos que vos gusten e que as fagades xogando coas verduras que máis vos gusten ;).
Vaia homenaxe nos demos, amigos! Sabor, sabor e máis sabor nun prato que satisfai a unhas e outros. Agora que xa sabedes os pasos... que tal se vos animades? Adiante coa nova receita! Forte aperta!
Uummmmmmmmmmm a que hora decis que e pase a cenar ? ... no dudo lo mas minimo que esta crema me encantaria,os ha quedado de relujo.
ResponderEliminarBicos mil wap@s.
Vente, vente! Que está delicioso e ben chega para ti!!
EliminarApertas