Como vos afeccionados aos brownies (xa compartimos por aquí varias opcións: con crema de queixo, con doce de leite, de chocolate branco, de froitos vermellos, a versión clásica, unha rápida, outra de garavanzos e outra de galletas "Oreo"), descubrimos unha nova versión agregándolle na superficie unha mestura de chocolate, nubes e froitos secos e, como non podía ser doutra maneira, tivemos a tencación de probala e que xenial idea! Casan perfectamente e menuda "gochada" máis saborosa.
Tamén temos que sinalar que o momento ideal é calquera mais é unha bomba! Aquí vos deixamos a receita:
Brownie estilo "Rocky Road"
Ingredientes:
- A nosa receita de brownie favorita
- 75 g de nubes
- 75 g de abelás (ou calquera outro froito seco)
- 75 g de chocolate
Utensilios: unha fonte apta para o forno, unha cunca grande e unha pequena, un batedor manual.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer o noso brownie favorito. Nós escollemos a versión clásica cambiando as noces por abelás. Cociñamolo uns 19/20 minutos a 200º, calor arriba e abaixo.
Mentres tanto, mesturamos nunha cunca as abelás e o chocolate, cortados en anacos, e tamén as nubes (se son moi grandes, tamén as podedes cortar en 2/3 anacos). Mesturamos isto moi ben.
Cando ao brownie lle falten 6/7 minutos de forno, cubrimos toda a superficie e volvemos meter no forno para que se acabe de facer. Xa sabedes que o punto do brownie depende do noso gusto, se o preferimos máis ou menos feito.
Deixamos que repouse uns minutos e listo! Xa estaría listo para comer!
Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica.
Como vedes é unha receita para persoas moi larpeiras, e está delicioso! Podedes xogar coa receita de brownie que máis vos guste e tamén cos elementos da cobertura (outros froitos secos, cambiar o tipo de chocolate ou o sabor das nubes...), xa sabedes que isto da cociña ten moito de creatividade e de adaptar as receitas aos nosos gustos.
Xa nos contaredes se vos gusta!
Unha aperta forte!
Lémonos pronto 💗!








Ningún comentario:
Publicar un comentario