Bo día, Bolboreteirxs! Por aquí estamos de novo, como nos tardaba volver publicar receitas, xa que é un dos nosos pasatempos preferidos, aínda que imos intentar publicar todas as semanas algunha receita, non podemos prometer que non vaiamos fallar algunha: as clases, os peques e a vida en xeral non deixan moitas veces tempo para sentarnos a escribir.
Cada día que pasa temos máis claro que os mellores regalos son as experiencias e o tempo que investimos coas persoas que nos rodean, e tamén os agasallos que facemos nós mesmas, xa que implica dedicarlle un tempo (moi valioso) en facer algo por alguén. Por iso, as galletas sempre son unha boa opción, simplemente para sinalar que estivemos pensando nelas e queríamos ter un pequeno detalle. Estas, en concreto, foron para complementar un regalo moi especial que fixemos e que, sabemos seguro, gozaron cada unha das galletas que ía no paquete.
Esta receita é unha versión dunhas galletas de Alma Obregón que esperamos que a vós tamén vos encanten!
Galleta de dous chocolates
Ingredientes:
- 220 g de chocolate negro/con leite
- 150 g de chocolate branco
- 150 g de panela
- 100 g de fariña
- 75 g de manteiga
- 50 g de azucre branco
- 25 g de cacao puro en po
- 2 ovos
- 1 culleriña de bicarbonato
- Un chisco de sal

Utensilios: unha cunca grande, unha peneira, un batedor manual, unha espátula, papel transparente, unha culler de xeado (opcional), unha bandexa apta para o forno e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de fundir o chocolate xunto coa manteiga. Podédelo facer no microondas (con intervalos de 30 segundos) ou nun cazo a lume baixo. Retiramos do lume para que se vaia atemperando.
Pasados uns 5 minutos, agregamos a panela e o azucre branco á mestura anterior e mesturamos moi ben.
Engadimos os ovos.
E imos agregando os ingredientes secos peneirados (fariña cacao, bicarbonato e sal), tamén, pouco a pouco. Amasamos moi ben até que se integren todos os ingredientes.
Neste punto, agregamos o chocolate branco, picado en anacos. Mesturamos de novo, cubrimos con papel transparente e refrixeramos 30/40 minutos.
Facemos galletas coa axuda dunha culler de xeado, de aproximadamente, 90-100 g cada unha, e colocámolas na bandexa de forno cuberta con papel vexetal aplanándoas un pouco.
Enfornamos180º, calor arriba e abaixo, durante 17-18 minutos.
Deixamos que arrefríen un pouco e pasámolas a unha reixa do forno para que collan temperatura ambiente.
E xa están listas para comer! Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica!
Como vedes, son unhas galletas moi chocolateadas e moi sinxelas de facer. Na nosa casa foron un éxito porque seguimos sendo demasiado larpeirxs!
Xa nos contaredes se poñedes esta receita en práctica.
Aperta forte!
Lémonos pronto!







Ningún comentario:
Publicar un comentario