xoves, 26 de marzo de 2026

"Tortitas" de plátano

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Nós acabando coas avaliacións e desexando ter algo máis de tempo para facermos algunha receita ben saborosa. Mais, mentres tanto, rescatamos esta lambonada que tiñamos no carrete. 

No verán, en Bali, almorzamos en varias ocasións "tortitas" de piña, de plátano ou simplemente soas. A verdade é que estaban espectaculares e quixemos recrealas na casa. Investigando pola rede descubrimos varias receitas e intentamos facer a nosa propia versión e, aínda que non son exactamente como as que comemos alí, están deliciosas e son saudábeis.

Oxalá vos gusten! Aquí vai a receita:


"Tortitas" de plátano


Ingredientes:


  • 2 cuncas de fariña
  • 1/2 cunca de leite
  • 1/2 cunca de manteiga      
  • 2 plátanos
  • 2 ovos
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1 cullerada de mel
  • 2 culleriñas de lévedo





Utensilios: unha cunca grande, dúas pequenas, un batedor manual, unha tixola e unha espátula. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de bater os ovos xunto co mel.



Agregamos o leite e a vainilla. 



Botamos a fariña, pouco a pouco, a manteiga derretida e o lévedo. 



Mesturamos moi ben. Reservamos uns minutos mentres cortamos os plátanos en lascas. 


Quentamos unha tixola a lume media, agregamos un pouco da masa e colocamos unhas lascas de plátano arriba. 



Cando comece a burbullar, dámoslle a volta e cociñamos 1 minuto máis. 



Facemos varias até acabar toda a masa e comémolas acompañadas de máis plátano, mel, chocolate, xarope ou incluso outras froitas. 



E xa estarían listas para comer! Como vedes, é unha receita sinxela e rápida para tomarmos un petisco doce para almorzar ou para merendar. Ademais de ser unha forma diferente de tomar as tradicionais panquecas americanas. 


Agardamos que vos gusten e que poñades a receita en práctica. 
Aperta forte!
Lémonos, bolboreteirxs!

Ningún comentario:

Publicar un comentario