Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Aquí vos traemos outra lambonada para adozarvos e darvos ideas de sobremesas, xa que agora vai comezar a época de festas e de xuntármonos máis coa familia e amizades.
Estas son unhas galletas moi saborosas de crema de cacahuete ás que lle damos un toque especial engadíndolles ese bombón de chocolate (que podedes escoller o que máis vos guste). Así mesmo, se as queredes facer máis chocolateadas poderíamos agregar chocolate na masa da propia galleta.
De todas formas, aquí vos deixamos a receita:
Galletas de cacahuete con corazón de chocolate
Ingredientes:
- 200 g de crema de cacahuete
- 160 g de fariña
- 115 g de manteiga
- 90 g de azucre moreno
- 80 g de azucre branco
- 1 ovo
- 1/2 culleriña de bicarbonato
- Un chisco de sal
Para a decoración:
- Azucre branco
- Minichocolatinas
Utensilios: dúas cuncas, unha peneira, un batedor eléctrico/manual, papel transparente, unha culler, unha bandexa de forno con papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de mesturar os dous tipos de azucre, coa crema de cacahuete e a manteiga, fría cortada en cadrados.
De seguir, agregamos o ovo e batemos de novo.
Agregamos a fariña xunto co bicarbonato e sal, peneirados, á mestura anterior.
Amasamos até que se integren ben todos os ingredientes. Envolvemos a masa en papel transparente e refrixeramos unha hora.
Pasado ese tempo, collemos unha culler, nós usamos a do xeado, e imos facendo bolas, que pasamos por azucre.
Colocamos as boliñas nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal.
Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 10-12 minutos, até que vexamos que se douran os bordos. E, xusto cando as saquemos, colocamos o noso bombón.
Deixamos que arrefríen e xa estarían listas para comer!
Como vedes, unhas galletas diferentes, moi sinxela e deliciosas, recreadas dunha receita de Alma Obregón! A verdade é que son adictivas, quedades avisadxs!
Aperta forte!
Lémonos, bolboreteirxs!










Ningún comentario:
Publicar un comentario