Ola, de novo, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos un día máis cunha nova lambonada. E, ademais, para nós, hoxe é un día moi especial xa que estamos de aniversario de parella e celebramos moitos anos xuntos 💕. Para compartir a nosa alegría con vós, publicamos unha nova receita, e xa vedes que ultimamente estamos ofrecéndovos moitas receitas doces, coma no inicio do blogue.
Desta volta, é unha explosión de sabor e de texturas xa que estamos mesturamos moitos tipos de chocolate cunha masa espectactular de galletas. Xa vos avisamos que é unha lambonada de 10 e que vos vai encantar, se sodes larpeirxs!
Aquí vos deixamos a receita:
"Cookie bar"
Ingredientes:
- 340 g de fariña
- 220 g de manteiga
- 200 g de panela
- 100 g de azucre branco
- 100 g de chispas de chocolate
- 50 g de chocolate en anacos
- 6 barriñas de chocolate (KitKat, Kinder...)
- 2 ovos
- 1 cullerada de vainilla
- 1 culleriña de bicarbonato
- Un chisco de sal
Para decorar:
- 150 g de chocolate
- Máis barriñas de sabores
Utensilios: unha cunca grande, un batedor eléctrico ou manual, unha espátula, unha peneira, un molde e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de mesturar a manteiga coa panela e o azucre.
Incorporamos ovo e a vainilla.
De seguir, a fariña peneirada co bicarbonato.
Agregamos as chispas de chocolate, o chocolate e as barriñas, tamén picadas.
Botamos a mestura nun molde cuberto con papel vexetal. Nós usamos un molde cadrado de 20 cm.
Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 35-40 minutos, dependendo de que queredes unha galleta máis crocante ou con textura de "brownie".
Derretemos o resto do chocolate e botámolo por encima da galleta e colocamos as barriñas troceadas.
Deixamos que arrefríe un pouco e xa estaría listo para comer!
Como vedes, é unha bomba, unha sobremesa ideal para compartir e que ten un sabor espectacular.
Agardamos que vos gusten e que poñades a receita en práctica.
Aperta forte!
Lémonos, bolboreteirxs!










Ningún comentario:
Publicar un comentario