domingo, 17 de maio de 2026

Pan de pasas e noces

Bo día, bolboreteir@s! Como vai? Aquí andamos de novo para vos traer un petisco que tiñamos ganas de preparar desde hai tempo. Este pan de noces e pasas é a nosa opción para este 17 de maio. E por que? Pois estamos relendo a Begoña Caamaño e imaxinamos este acompañante como ideal para os múltiplos banquetes que Penélope ofrece en Ítaca en tanto avanza a trama de Circe e o pracer do azul. O pan nunca faltaba nas cestas destes banquetes e adoitaba asociarse á grandeza do ser humano. Se ben é certo que era un pan máis denso que o que comemos aquí hoxe en día, era un manxar prezado e para o que había persoas (segundo se conta na Odisea) dedicadas a moer o gran para a fariña. 
Non temos constancia de que xa experimentaran con combinacións mais nós vimos este pan de noces e pasas como unha idea fantástica para entreter e sorprender os hóspedes que recibía Penélope. Imos ver que vos parece!




Pan de pasas e noces


Ingredientes: 

  • 400 g de fariña de forza, máis 50 g extra
  • 140 g de fariña de espelta integral
  • 325 g de auga, máis un vaso extra   
  • 25 g de mel
  • 5 g de lévedo de panadaría en po
  • Sal ao gusto
  • 75 g de noces
  • 75 g de uvas pasas





Utensilios: unha cunca grande, un batedor manual ou eléctrico, un pano, unha fonte apta para o forno e papel vexetal. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de mesturar as fariñas co lévedo e o sal. 


Tamén co mel. 


A continuación, agregamos a auga e amasamos até que todos os ingredientes estean ben integrados. 


Deixamos fermentar, aproximadamente, unha hora. 


Até que vexamos que duplica o seu tamaño. 


De seguir, nos pesamos a masa e dividímola en 5 boliños de, máis ou menos, 250 g. Tamén é unha opción facer unha soa peza. 
Estiramos a masa e botamos as noces e as pasas. Outra forma, sería integralos antes de que masa fermentase, e seguramente quedasen máis repartidos.


Pechamos os boliños e, de forma opcional, podemos facer unhas marcas cun coitelo. 


Prequentamos o forno a 220º, calor arriba e abaixo, e, cando metamos a bandexa, baixamos a 190º e botamos un vaso de auga no fondo do forno (tamén podedes meter un recipiente con auga dentro), durante 30-35 minutos. 


Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer!


Na nosa casa triunfaron e duraron moi pouco tempo. A nosa imaxinación levounos a pensar neste pan para acompañar os manxares de Penélope. Podería ser luxo ben gozoso para humanos e deuses das illas gregas :-)


Agardamos que vos gusten e que poñades a receita en práctica.
Aperta forte!
Lémonos, bolboreteirxs!

Ningún comentario:

Publicar un comentario