De baixón porque van acabando as vacacións? Ou liberados porque poderedes recuperar hábitos alimenticios despois das enchentas destas semanas? Un pouco de todo, non? Ben, pois nós imos pechar ciclo de larpeiradas por esta vez antes de presentarmos un conxunto de receitas saudábeis para compensar en días vindeiros.
Con todo, a de hoxe é unha sobremesa doce moi lixeira a pesar do chocolate pois servimos en pequenas cantidades e ademais a cantidade de chocolate non é demasiado grande, só o suficiente para que a crema de ovo modifique o sabor.
A verdade é que xa hai tempo que preparamos e estaban gardadas para ver a luz, considerándomos este o momento ideal para a transición do exceso destas xornadas.
Ademais, así adozamos este sábado de espera pois xa sabedes... mañá chega o gran día, Bolboretas no bandullo chega a Youtube cunha receita de esencia galega e moi moi orixinal. Estamos desexando ver que vos parece a nosa canle e a videorreceita. Mentres tanto, aquí tedes unha saborosa lectura :-)
Cremas de ovo chocolateiras
Ingredientes (para 6-8 cremas):
Utensilios: un cazo, unha cunca, un batedor (eléctrico ou manual), unha culler de pau e vasiños/moldes.
Elaboración:
Para comezarmos, temos que botar o leite e o chocolate troceado nun cazo, quentamos e imos removendo até que se desfaga o chocolate completamente. Reservamos un momento.
Mentres, batemos o azucre coas xemas até que branqueen e suban un pouco.
De seguir, engadimos o chocolate e mesturamos moi ben.
Volvemos a mestura ao cazo e quentamos, sen deixar de remexar, até que espese. Aquí temos que ter coidado xa que non poden ferver, porque se estropearían.
Botamos nos vasiños ou moldes e deixamos que se atemperen un pouco.
Decoramos con boliñas de chocolate de cores, nubes, froitos secos... refrixeramos durante 2-3 horas.
E xa estarían preparados para comer! Agardamos que vos gusten e que os poñades en práctica!
Apetecíbeis, a que si? Pois a verdade é que nos sorprenderon mesmo a nós pois pensabamos que podería ser unha sobremesa máis discreta e porén, cumpren todos os obxectivos. Ademais, é un recurso para facer calquera día pois non se fai pesada nin demasiado azucarada. E ben, da dificultade que dicir! Apta para todo tipo de cociñeir@s!
Así pois, deixámosvos que gocedes desta fin de semana con estas gorentosas cremas de ovo chocolateiras! Lémonos... e vémonos :-)!
Ningún comentario:
Publicar un comentario