Amosando publicacións coa etiqueta madalenas de castaña con crema de cabaza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta madalenas de castaña con crema de cabaza. Amosar todas as publicacións

sábado, 22 de outubro de 2016

Terroríficas madalenas de castaña con crema de cabaza

Aí vén, aí chega, aproxímase o Samaín. Xa sabedes, pola conquista dos escaparates, da tendencia destas semanas: medo, cabazas, laranxa, caveiras... Ben pois nós sumámonos pondo como base dous produtos de tempada: as castañas e as recorrentes cabazas, aínda que no noso caso tirando proveito alimenticio.
Ano tras ano procuramos aproveitar as castañas dos soutos galegos para crearmos receitas orixinais como luriñas e castañas en mollo de millocanas de crema de castañas ou croquetas de castañas.  E como xa ía tempo que non preparabamos madalenas pois... era a solución perfecta. E coa cabaza, ademais de lle ofrecer un contraste canto ao sabor, tamén lle pomos algo de cor.
Xa podedes imaxinar que a caracterización terrorífica non é canto ao padal senón para os ollos con esa ornamentación doce con presenza de diferentes bechos de goma. Canto a decoración seguro xa tedes mil e unha ideas coas que lograr pratos espectaculares mais recomendámosvos especialmente que teñades en conta esta combinación para as madalenas pois resulta moi sorprendente. Nós gustamos especialmente do corpo mais a cobertura havos de agradar moito tamén. Ollade a idea:

Terroríficas madalenas de castaña con crema de cabaza


Ingredientes:


Para as madalenas:
  • 200 g de castañas cocidas
  • 150 g de fariña 
  • 150 g de azucre
  • 150 g de manteiga
  • 3 claras de ovo
  • 1 xema de ovo
  • 1 cullerada de ron
  • 1 culleriña de lévedo en po