sábado, 8 de novembro de 2014

Canas de crema de castañas

Fin de semana outonal con frío e auga e nós poñémonos a traballar cun produto tamén moi outonal de grandísima calidade autóctona, a castaña. A nós encántannos, mais a verdade é que non saíramos até o momento das castañas asadas e cocidas, así que puxémonos a pensar nun posíbel prato castañeiro, e o que nos veu á cabeza foron estes doces recheos dunha crema cun sabor inconfundíbel.
A castaña, alén de estar boísima, é un froito seco de pouquísimas calorías polo baixo contido de graxas e a grande cantidade de auga que contén. Con todo, posúe moitísimos hidratos de carbono, o que o converteu nun magnífico recurso da alimentación galega para saciar a fame en temos de necesidade. Ademais posúe moita fibra, o que favorece o tránsito da flora intestinal e tamén potasio.
Na Galiza converteuse, como xa dixemos, nun produto fundamental da alimentación durante moito tempo. E aínda hoxe é en certa medida "adorado" como comprobamos nos populares magostos que celebramos arredor da castaña. O feito de que hoxe en día haxa tantos topónimos no país coa forma "souto" evidencia a grande presenza de castiñeiros no noso territorio.
Así pois, aquí tedes unha sobremesa saborosísima en que lle damos un outro papel á castaña.

Canas de crema de castañas

Ingredientes (para unhas 15 unidades):
  • 1 prancha de follado
  • 1/2 l de leite
  • 200 gr de castañas
  • 125 gr de azucre
  • 50 gr de maicena 
  • 10-15 gr de manteiga
  • 4 xemas de ovo
  • 50 gr de chocolate (opcional)


Elaboración:

Para comezarmos, temos de estirar a nosa masa de follado e facer tiras coa axuda dun coitelo. 



 Para o seguinte paso, precisamos uns conos de repostería para lles poder dar a forma as nosas canas. Témolos que impregnar de manteiga fundida e ir enrolando o follado. Apretamos un pouco coa mans, para que quede ben pegado e enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 12-15 minutos, ou até que vexamos que a masa medrou e están douradiños. Reservamos. 




Para a nosa crema de castañas, o que primeiro debemos facer é pelar as castañas e poñelas a cocer durante 12 minutos en abundante auga. 



Pasado ese tempo, escoámolas e deixámolas arrefriar un pouco. Despois, pelámolas de novo. 


Botámolas nun cazo co azucre e auga (só que as cubra) e cocémolas, de novo, durante 20 minutos, ou até que vexamos que están brandas. Triturámolas coa axuda dun batedor. 







De seguir, botamos a crema de castañas no leite, mesturamos ben e quentamos a mestura até que comece a ferver. 





Mentres quentamos o leite, batemos as xemas de ovo coa maicena. 


 Cando o o leite coa crema de castañas fervan, botamos un pouco da mestura sobre as xemas batidas e mesturamos ben, para que o ovo non calle. A continuación, botamos as xemas sobre a crema de castañas co leite. 



 Quentamos, outra vez, até que a mestura espese. Nós botamos a metade da mestura nunha bolsa de plástico, que utilizaremos como manga pasteleira e, na outra metade, derretemos o chocolate. Deixamos arrefriar.




 Por último, cortamos unha punta a unha das bolsas e imos reenchendo as nosas canas coa crema. 








Refrixeramos durante 4-5 horas e xa estarían listas para comer! Que aproveite!


Non se vos abriu o apetito? A nós desde logo que si, menos mal que nos sobrou unha pouca de crema para aproveitarmos e facer de lambóns :-) Recoméndovos que as probedes, sobre todo para ver as outras posibilidades que nos dá a castaña, e como se logran sabores moi moi curiosos. Unha crema moi moi doce, mais cun toque característico e inconfundíbel. Unha vez canto menos, hai que as probar. E xa sabedes, "o que non sabe de mañas, non come castañas", aínda que para elaborardes esta receita non teredes ningunha dificultade. Moi boa finde lambisqueir@s!!!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmm que ricura con crema de castañas ,de buena gana me comia una ahora mismo,te han quedado divinisimaaas.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar