Hoxe traémosvos unha receita destas que consideramos moi sinxeliñas, mais das que prestan, e ben! Non é a primeira empanada que aquí presentamos, así que non vamos incidir máis no seu carácter autóctono :-) Simplemente merece a pena valorármola como corresponde, entre outras cousas polas posibilidades que nos dá. Case podemos facer empanada con cada produto que se nos veña á cabeza, e tamén con moi diferentes combinacións. Claro está, que unhas estarán mellores que outras. E a de mexillóns está na nosa listaxe de empanadas preferidas, porque desfrutamos moito deste molusco e porque con esta receita resulta moi complexo que vos quede seca, nin sequera un par de días despois de a facerdes.
Empanada de mexillóns
- Masa empanada (receita aquí)
- 1 1/2 kg de mexillóns
- 1 pemento grande vermello
- 1 pemento grande verde
- 1 cebola grande
- 1/2 vaso de viño branco
- 2 culleradas de pemento doce
- 1 ovo batido
- 15 gr de manteiga
- Sal
- Aceite
Elaboración:
Para comezarmos temos que facer a nosa masa (receita aquí). Neste caso, nós fixemos a masa con 1 kg de fariña xa que queríamos que fose bastante grande. Mentres a masa sube, aproveitamos para facer o recheo. Lavamos e cortamos en xuliana os pementos e a cebola. Rustrimos os pementos en dúas culleradas de aceite.
Cando o pemento abrande un pouco, engadimos a cebola. Botamos un chisco de sal para que se cociñen antes.
Engadimos os mexilóns (os nosos eran conxelados, así que o único que fixemos previamente foi desconxelalos) e mesturamos ben.
Botamos o viño branco e deixamos cociñar até que se evapore case todo o líquido.
Engadimos o pemento doce e mesturamos ben, deixamos cociñar uns minutos máis e xa teríamos o recheo preparado.
Estiramos a metade da nosa masa e colocamos sobre ela o recheo.
Cubrímola coa outra metade da masa e selamos ben os bordos.Como vedes, coa masa que nos sobrou puxemos o meu nome, xa que foi un dos aperitivos para a cea de celebración do meu aniversario. Encántannos esa masa que pomos por encima da empanada, xa sexa paus ou letras, están moi ricos. Pintamos coa manteiga, que debe estar derretida e co ovo batido. Enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante 20-25 minutos.
Deixamos que arrefríe un pouco e xa estaría lista para comer. Pouco máis vos teño que dicir. Que se até o de agora non vos coincidiu de probar este manxar, pois xa tedes algo que preparar hoxe ou nos próximos días. É unha combinación exitosa que nós encantou e que xa estamos pensando en repetir proximamente. Agardamos que a desfrutedes vós tamén.
Aquí vos queda unha outra boa idea para o recheo da empanada. Moi recomendábel. Bo mércores amig@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario