martes, 28 de marzo de 2017

Croissant á moda de Porto (Brioche)

Bo martes, amiguiñ@s! Como levades este comezo primaveral mais frío que o propio inverno? Estabamos pensando en traervos unha ensalada mais parece que de momento aínda non apetecen tanto, non?
Así pois presentámosvos unha receita acabada de saír do forno. De feito, acabamos de almorzar con eles e que dozura para comezar o día, perfecto! Falabamos hai unhas semanas da nosa viaxe ao Norte de Portugal onde alén do bacallau, francesinha, café e demais, sobresaíu para nós un produto, os croissants. De feito, probámolos en diferentes confeitarías e son impresionantes. Nada teñen que ver cos que aquí se preparan. A masa difire da do follado típico, sendo máis ben tipo brioche e por tanto, máis substanciosos. Había con mil e un recheos, mais nós optamos por papalos mesmo sós. Ben, excepto un, que tiña que ser con chocolate, como non.
De feito, parece ser que Porto é o lugar do mundo que máis croissants vende, incluso máis que París. Por algo será!
Sexa como for, prometímonos pór en práctica esta lambetada na casa e unhas semanas despois aquí estamos desfrutando dela. Como a Porto non imos ir todos os meses, había que procurar unha solución.
Era a primeira volta que preparabamos croissants, así que ficamos encantados co resultado, que ademais recorda moito aos portuenses. Imos con eles? Aí os tedes!


Croissant á moda de Porto (Brioche)


Ingredientes:


  • 350 g de fariña de trigo
  • 150 g de fariña de forza
  • 200 ml de leite
  • 85 g de azucre
  • 40 g de manteiga
  • 12 g de lévedo de panadeiro
  • 2 culleradas de aceite
  • 2 ovos 
  • Un chisco de sal
  • Chocolate (opcional)

Utensilios: unha cunca, un pano, un coitelo, unha bandexa e papel vexetal. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar as fariñas, o leite, o azucre, a manteiga, o lévedo, o aceite, o sal e 1 ovo. 


Amasamos moi ben, nós fixémolo coas mans, até conseguir unha masa homoxénea. Tapamos a masa cun pano e deixamos repousar 1 hora ou 1 hora 30 minutos, até que duplique o tamaño. 



Despois, estirámola en forma de rectángulo tentade que non quede grosa aínda que tampouco demasiado fina. 


Cortamos a masa en forma de triángulos. Procurade que a base sexa bastante larga, arredor dos 12 cm. para que fique unha forma final xeitosa.


Enrollámolos, comezando pola parte máis larga. Se queremos facelos de chocolate, agora sería o momento de pórllo.





Despois de enrollalos, colocámolos sobre unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal. 





Tapámolos de novo co pano e deixamos repousar 30 minutos máis. Pintámolos co outro ovo batido. 



Enfornamos a 170º, calor arriba e abaixo, durante 12-15 minutos, ou até que estean dourados. 


Deixamos que se atemperen e xa estarían listos para comer!!


Teñen bon aspecto, certo? Pois non engana, non, ficaron verdadeiramente apetitosos. Eran para o almorzo mais papamos xa algúns na sobremesa da cea. 
Agora é o voso momento de probardes, comparardes cos croissants follados e decidirdes. Nós temos clara xa a nosa posición mais non vos queremos condicionar, haha. Evidentemente, aínda queda moito por aprender para igualar os de Porto mais neste primeiro intento todo saíu a pedir de boca. 
Deixámosvos co pequeno-almoço para este martes e mandámosvos unha aperta chea de forza para esta semana. Adiante, bolboreteir@s!

5 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmm casi que me voy a desayunar con vosotros que ricos tienen que estar esos croisants a la moda de Porto , como siempre receta y paso a paso son de 20 points.
    No dudo ni un segundo que sepan mejor de lo que se ven en la foto babeando me marcho que lo sepais.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que están deliciosos, e son un vicio!!!
      Un bico e grazas ;)

      Eliminar
  2. Ola, quería comentarvos que probei a facelos, pero aumentaron tanto no segundo tempo de repouso, que perderon a forma de croissant e quedaron en vulgares bolos. ¿pode ser porque estiveran tempo de mais?. Eu teño tendencia a alarga-los tempos de levedo (tanto os primeiros coma os segundos), porque a miña cociña é moi fría, e tarda en subi-la masa, pero desta volta paseime un pouco e estiveron algo mais de hora e media.... e quedaron así como se ve nesta imaxen https://www.instagram.com/p/BTPE1thBmFQ/?hl=es

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olaa! Si, pode ser que estiveran un pouco de tempo de máis e igual a masa quedou demasiado fina e por iso se uniron as capas! Mais, de todas formas, teñen pintaza e seguro que estaban de vicio!!
      Mil grazas por facer as nosas receitas e lernos!
      Unha aperta enorme!!😘😘

      Eliminar
  3. Se os fago con fariña de espelta integral debería cambiar algún dos pasos ou tempos?.
    Moitas grazas de anteman.

    ResponderEliminar