Unhas arandelas cargadas de sabor achéganse a Bolboretas no bandullo. Un clásico vido a menos que había anos que non probabamos e que queremos recuperar. Ollando un vello libro de receitas pola casa chegamos a esta e, sendo sinceros, non agardamos moitísimo dela. Simplemente pretendiamos recuperar sensacións cun prato que tiñamos comido con certa frecuencia na infancia.
Non vos pasou nunca de agardar pouquiño dun prato e este sorprendervos gratamente? Pois a nós sucedeunos isto mesmo con estes aros ceboleiros que acabaron por levar todo o protagonismo da nosa cea.
Como podiamos ter no esquecemento tremenda delicia? Canto menos con estas indicacións que aquí deixamos podemos asegurar que fica un resultado ben saboroso que non vos ha de deixar indiferentes. Con todos vostedes, un vello amigo, aros ceboleiros!
Aros ceboleiros
Ingredientes:
- 2 cebolas grandes
- 200 g de fariña
- 200 ml de leite
- 200 ml de gaseosa
- 2 ovos
- 1 sobre de levedo
- Un chisco de sal
- Aceite de oliva
Utensilios: unha mandolina (ou táboa e coitelo), dúas cuncas, unha tixola, un batedor manual, un garfo e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cortar as cebolas en aros.
Poñémola nunha cunca xunto co leite durante 10-15 minutos.
De seguir, batemos os dous ovos xunto co leite no que estaban os aros da cebola.
Engadímoslle a gaseosa.
E a fariña, mesturada co lévedo, pouco a pouco.
Bañamos os aros de cebola nesta mestura e fritímolos en abundante aceite.
Poñémolos sobre papel absorbente e despois xa os servimos nunha fonte ou nun prato.
Podémola acompañar con salsa barbacoa ou mostaza, ou a que máis vos guste. Agardamos que vos guste e que os poñades en práctica.
Despois de anos sen os probar, parece que retornan para non volver marchar. De momento, esta fin de semana volverémolos preparar. Noutras ocasións falamos de éxito seguro. Desta volta non o tiñamos claro e vaia ledicia no primeiro bocado. Papamos todo isto entre os dous, que lambóns somos!
Agardamos que tiredes proveito desta sinxela receita e que os aros ceboleiros volvan ter presenza nas vosas cociñas. Unha forte aperta, bolboreteiros. Tede boa fin de semana!
Los hice un par de veces y a mi hijo no terminaron de convencerle ,cualquier dia me lio la manta a la cabeza y le hago los vuestros se ven divinisimooos.
ResponderEliminarBicos mil wap@s.
Tes que probar a ver se estes si lle gustan, a verdade é que os tiñamos un pouco "esquecidos" e agora xa estamos pensando en volvelos facer!
EliminarApertas!