domingo, 13 de outubro de 2019

Trigo tenro con espinacas e queixo

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Despois da lambetada triunfante do pasado sábado traemos sabor para outra fin de semana, aínda que desta volta cun prato moi moi diferente.
Este ano descubrimos un produto do máis proveitoso tras probalo nun dos nosos restaurantes favoritos da Coruña, o Peculiar. Estamos a falar do trigo tenro, unha alternativa ao arroz con múltiplos beneficios alimenticios e sobre todo para as nosas papilas gustativas. 
Ofrece unha textura moi especial e combina que dá gusto con moi diferentes verduras. Neste caso optamos polas espinacas, ben lixeiras e tamén moi recorrentes na nosa cociña. Ollade que delicia! Iso si, ides ver na cremosidade do prato que o queixo tamén ten moito que dicir :-)



Trigo tenro con espinacas e queixo



Ingredientes:

  • 600 ml de caldo de verduras
  • 250 g de trigo tenro
  • 250 g de espinacas
  • 250 g de queixo
  • 2 tomates
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 cullerada de pemento picante
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, un relador, unha táboa e un coitelo e unha culler.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir en dúas culleradas de aceite a cebola e os dentes de allo ben picadiños. Cando estean dourados, engadimos os dous tomates relados. Cociñamos 5-7 minutos.


Pasado ese tempo, agregamos o trigo tenro e o pemento. Mesturamos moi ben. 


Botamos o caldo e cociñamos a lume alto até que comece a ferver, despois baixamos a lume medio durante, aproximadamente, 7 minutos.


Agregamos as espinacas e mesturamos ben. 


Facemos o mesmo co queixo. Nós usamos Arzúa-Ulloa, mais podedes usar un brandiño que vos guste. Cociñamos 3-4 minutos máis. Aquí debemos comprobar que o trigo tenro estea ben feito. 


Deixamos repousar 5-10 minutos e xa estaría listo para comer! 


Aquí ábresenos o apetito só con volver recordar a creación. Esperemos que provoque o mesmo efecto en vós e vos impulse a cociñar este prato exquisito.
Aperta forte, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario