martes, 6 de agosto de 2019

Torta de pexegos e chocolate

Boas, bolboreteir@s!!! Como vai todo? Hoxe traemos unha oda ás receitas doces e unha perdición para as persoas máis lambonas. Esta fin de semana aproveitamos que David estaba de aniversario e que eran as festas do barrio en Cantarrana (Viveiro) para prepararmos unha sobremesa ambiciosa. O de ambiciosa é porque tiñamos ganas de algo moi doce, non pola dificultade.
Ben, pois vistes que no último día publicamos a receita da marmelada de pexegos e non era casual. Andamos con antollo deles e queriamos unha torta na que foran elemento clave. E así foi.
A verdade é que non recordamos ter probado esta combinación de pexegos e chocolate antes mais tamén por iso tiñamos grandes expectativas. E vaites se se cumpriron.
De igual modo que gustamos moito doutras mesturas choco-froita, namoramos desta xa que o pexego dá o frescor necesario nunha lambetada ben intensa por mor do chocolate. Babexamos só de matinar en degustala de novo, aí vai.



Torta de pexegos e chocolate


Ingredientes:

Para a base:
  • 440 g de fariña
  • 250 g de manteiga
  • 150 g de azucre
  • 40 g de cacao puro en po
  • 2 ovos
Para o recheo:
  • Marmelada de pexegos
  • 4-5 pexegos
Para a crema de chocolate:
  • 500 g de nata
  • 400-450 g de chocolate de cobertura
Para a decoración:
  • 1 pexego
  • Abelás moídas


Utensilios: dúas ou tres cuncas, unha bandexa de forno, papel vexetal, un molde desmoldábel apto para o forno, varias culleres, un batedor eléctrico, un rolete, unha peneira e un coitelo. 



Elaboración: 

Para comezarmos, temos de facer a base da torta. Mesturamos a manteiga, os ovos e o azucre.


De seguir, engadimos a fariña e o cacao peneirados. Imos incorporando, pouco a pouco, até obter unha masa manexábel.


Botamos a masa sobre papel vexetal e estiramos coa axuda do rolete. Colocámola no molde. Nós poñemos sempre na base papel vexetal para que sexa máis sinxelo desmoldar. Tamén engrasamos os bordos con manteiga e fariña. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, co forno prequente, durante 15 minutos. Reservamos. 


Mentres arrefría un pouco, quentamos a nata e derretemos nela o chocolate. Reservamos. E comezamos coa montaxe da torta. Pasamos a base á fonte en que a imos presentar. Estendemos o fondo cunha boa capa de marmelada.


Colocamos os pexegos cortados en láminas sobre a marmelada.

E engadimos o chocolate. Refrixeramos até que o chocolate endureza, aproximadamente 4-5 horas. Mellor dun día para outro.


E decoramos cortando unhas lascas máis de pexego e coas abelás trituradas. 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica! Foinos imposíbel sacar unha foto ao corte porque ao cortar, derramaba o chocolate tal como se for un volcán. Había que apurarse a papar. 
Xa nos contaredes a vosa experiencia mais ides ficar namorados. Aperta forte, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario