Amosando publicacións coa etiqueta espinacas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta espinacas. Amosar todas as publicacións

sábado, 16 de novembro de 2019

Spanakopita

Bo día, bolboreteir@s!! Como levades a fin de semana? Nós xa un pouco cansos de temporais e choiva. Está ben que é o que corresponde mais non dan un respiro para pasear. Iso si, estamos acumulando receitas como nunca. Dannos as xornadas (alén de coidar, mimar e mirar para o peque) para ler, descubrir e probar novas receitas como a que hoxe vos traemos.
O spanakopita, nome ben curioso, provén de Grecia e consiste nunha torta de espinacas e queixo feta tendo como base esa masa filo que tanto nos sorprende cada vez que a degustamos. Fálase das influencias turcas no prato e tamén da orixe humilde, ligada aos pastores, de aí a utilización de produtos económicos.
Sexa como for, pareceunos unha idea ben interesante para nos achegar unha vez máis á gastronomía mediterránea. Aquí vai.


Spanakopita




Ingredientes:

  • Varias láminas de masa filo
  • 300 g de espinacas
  • 100 g de queixo feta
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 culleradas de manteiga
  • Eneldo
  • Pementa moída

domingo, 13 de outubro de 2019

Trigo tenro con espinacas e queixo

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Despois da lambetada triunfante do pasado sábado traemos sabor para outra fin de semana, aínda que desta volta cun prato moi moi diferente.
Este ano descubrimos un produto do máis proveitoso tras probalo nun dos nosos restaurantes favoritos da Coruña, o Peculiar. Estamos a falar do trigo tenro, unha alternativa ao arroz con múltiplos beneficios alimenticios e sobre todo para as nosas papilas gustativas. 
Ofrece unha textura moi especial e combina que dá gusto con moi diferentes verduras. Neste caso optamos polas espinacas, ben lixeiras e tamén moi recorrentes na nosa cociña. Ollade que delicia! Iso si, ides ver na cremosidade do prato que o queixo tamén ten moito que dicir :-)



Trigo tenro con espinacas e queixo



Ingredientes:

  • 600 ml de caldo de verduras
  • 250 g de trigo tenro
  • 250 g de espinacas
  • 250 g de queixo
  • 2 tomates
  • 1 cebola

martes, 13 de agosto de 2019

Filloas de espinacas recheas

Boas, bolboreteir@s! Filloas en agosto? por favor, non vos asustedes que non imos mostrar a nosa obsesión coa repostaría de Entroido nestes días, mais vimos sempre reivindicando o papel das filloas salgadas para a configuración de receitas exquisitas, nun chanzo superior a aquelas receitas nas que se utilizan pans como tortitas e demais.
Desta volta escollemos unha filloas moi coloridas grazas a esta verdura que asociamos tradicionalmente a aquel querido Popeye da nosa infancia. Ademais, é unha das nosas verduras de referencia para o cociñado debido ao seu sabor suave e á adaptabilidade que ofrecen. Desta volta, aparecen tamén con esa suavidade que se deixa levar por un recheo clásico, dos que non fallan. Aí vai!




Filloas de espinacas recheas



Ingredientes:


Para as filloas:
  • 250 g de espinacas
  • 100 g de fariña integral
  • 5 culleradas de leite
  • 1 iogur natural
  • 1 ovo
  • Noz moscada

sábado, 28 de abril de 2018

Verduras á crema

Bo día, as receitas non paran e nós seguimos argallando en novas ideas como a que hoxe vos presentamos.
Esta semana, con motivo do Sant Jordi, chegounos un novo libro de Isasaweis, unha das nosas autoras favoritas e dando unha primeira ollada xa chegamos a unha das súas marabillas que nos serviu para nos inspirar e crear esta delicia que hoxe vos traemos a Bolboretas no bandullo. 
Unha vez máis damos todo o protagonismo ás verduras, destacándomos as espinacas, polo que nos aseguramos un prato ben apetecíbel. Cremos que xa vos dixemos unhas cantas veces o que nos fan perder a cabeza esta tipo de verduras.
Ides ver que achegamos algunha proteína a través dos champiñóns para facermos máis completa a receita. Desta forma imos ter as ceas máis saborosas! A por ela!



Verduras á crema


Ingredientes:


  • 400- 500 g de espinacas
  • 250- 300 ml de leite evaporado
  • 4-5 champiñóns grandes
  • 3-4 culleradas de améndoas
  • 2 queixiños
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • 2 culleradas de aceite

sábado, 6 de maio de 2017

Risotto de espinacas

Mamaíña! Temos a sensación de que desfrutamos dun dos mellores pratos do ano. Si, si, así comezamos hoxe, coa mellor das sensacións, a de elaborar un prato que queda tal e como desexabas. Ou mellor! Porque as probas de sabor entanto estabamos preparando a receita xa intuían que algo espectacular se estaba cociñando. E así foi. 
Un risotto, aínda que non é resulta complexo, si precisa coidado na elaboración e seguir certos pasos para que non nos fique finalmente un arroz sen máis no lugar deste arroz cremoso que procuramos e cunha textura tan especial.
A orixe evidénciase no significante, na denominación deste prato tradicional da gastronomía italiana, moi habitual en todo o territorio mais especialmente no NO. O arroz hai mil e unha forma de o traballar mais este acapara xa toda a nosa atención e recordo gastronómico. Que marabilla!



Risotto de espinacas


Ingredientes (para 2 persoas):


  • 150-200 g de arroz redondo
  • Caldo de verduras, aprox. 750 ml
  • 200 g de espinacas
  • 6-7 lagostinos
  • 50 g de queixo
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 culleriña de manteiga
  • Pementa moída

martes, 13 de setembro de 2016

Dornas gorentosas

Por aquí procuramos xa embarcación porque está a caer unha boa por toda Galiza. E o que queda! Iso si, boa falta facía tamén xa un pouco de auga. E iso que nós somos moi de sol e praia, claro. 
Optamos por un barquiño ben saboroso, que chamamos dorna, non pola exactitude da súa xeometría, nin moito menos, senón pola atracción que sempre nos supuxo este termo das Rías Baixas, bastante descoñecido polo Norte. Ben, pois hai moi tempo que viramos aproveitar os boliños de pan, dándolle forma de bote con multitude de opcións para actuaren de pasaxeiros. 
E ides ver que hai moita diversidade no interior destas dornas. Unha conxunción de sabores capaz de chamar a atención do noso padal con produtos máis intensos acompañados pola suavidade doutros. De todas formas, o mellor que podedes facer é innovar co que teñades a man ou se vos ocurra. Aquí as nosas ideas!

Dornas gorentosas


Ingredientes (para dúas persoas):


Para a chouriceira:
  • 1 bolo de pan
  • 2 culleradas de salsa de tomate
  • 1 lasca de queixo San Simón
  • 1/2 chourizo
  • Unha presa de espinacas
  • Queixo relado ao gusto
  • Ourego
Para a salmoeira:

martes, 21 de xuño de 2016

Flocos de pavo con bechamel de espinacas

Chegamos algo tarde, si. Mais non vos esqueciamos eh... O que pasa é que esta etapa de final de curso andamos algo enleados entre unha cousa e outra e quédanos pouco tempo no día para facer isto que tanto nos gusta.
Ben, pois tiñamos a sensación de que xa fixeramos os flocos de polo nalgún momento para o blogue, e sorprendémonos cando descubrimos que non era así. Así, aproveitando que tiñamos peituga de pavo (caseiras) na casa e que nos apetecía moito este sistema de preparado, decidimos tirar unhas fotos para vos dar a coñecer a nosa elaboración. Coñecemos os flocos hai tempo nun local de Covas (Viveiro) e desde aquela degustámolas con frecuencia, tanto fóra como na casa.
Iso si, queriamos engadir un plus e este estivo nun mollo suave mais que achega un punto diferencial á receita.



Flocos de pavo con bechamel de espinacas



Ingredientes: 

  • 1 peituga de pavo 
  • 1 cullerada de cúrcuma 
  • 1 cullerada de pemento doce 
  • Pementa moída 
  • Un chisco de sal 
  • Pan relado 
  • Aceite 

martes, 24 de maio de 2016

Panquecas de remolacha e espinacas con salsa de manga e curry

Veunos o soliño e con el a inspiración para experimentar na cociña e argallar novas receitas. Tan novas, que mesmo algún produto nunca antes o probáramos. Así que fomos á aventura, tirándomos de verduras. E si, saíu ben.
E que vén sendo isto das panquecas? Pois é unha adaptación do termo inglés "pancakes", típica xa no portugués e que nós recollemos para o galego por a considermos axeitada para a comprensión do prato. Xa sabedes que, en casos de dúbida, temos toda unha fonte de recursos no portugués, tanto de Portugal como de Brasil e demais territorios lusófonos.
Aínda que máis que o nome, o importante está no sabor. E aí vai depender do comensal, coma sempre, mais o que esta receita asegura é unha nova experiencia tanto por sabor como pola textura outorgada a certos ingredientes cos que non estamos afeitos a traballar así. 
Estas "tortitas" permítennos xogar coa comida, algo que nos encanta, para despois saborear o resultado personalizado. Así que, ollade a nosa proposta e despois, xulgade ;-)

Panquecas de remolacha e espinacas con salsa de manga e curry


Ingredientes:

Para as panquecas de remolacha (para 4 unidades):
  • 4 remolachas pequenas (ou 2 grandes)
  • 1 ovos
  • 40 gr de fariña
  • 1 chisco de lévedo en po
  • Pementa moída
  • Sal
  • Unha cullerada de aceite

sábado, 26 de decembro de 2015

Lasaña de espinacas e cogomelos

BO NADAL!! Veu ou Apalpador ou non veu? De seguro que si, que el adoita cumprir. E nós tamén cumprimos, por iso, como cada sábado imos cunha nova receita.
Desta volta dubidamos bastante entre unha outra larpeirada do Nadal ou un prato saudábel de compensación de excesos. Como vedes, finalmente optamos polo segundo.
É verdade que non é a primeira vez que optamos por vos presentar unha lasaña. Principalmente porque é un gran recurso para a nosa cociña e porque nos encanta degustala mais tamén elaborala, sobre todo cando hai convidad@s :-)
Porén, non vos traeriamos receitas idénticas ás de veces anteriores polo que tentamos darlle unha outra volta a esta pasta neste novidosísimo bechamel que, seguro seguro, vos vai facer tolear. É unha receita "falso bechamel" feito con cabaciña que tomamos prestada do novo libro de Isasaweis.
Ollando os ingredientes xa comprobades que san e dixestivo é este prato. Outra cousa é que vos resistades e só comades unha ración, hahaha.


Lasaña de espinacas e cogomelos

Ingredientes (para 6 persoas):
  • 15 láminas de lasaña
  • 500 gr de espinacas
  • 250 gr de cogomelos
  • 1 cebola
  • 1 bóla de mozzarella
  • Queixo relado
  • Aceite
  • Allo en po

sábado, 25 de abril de 2015

Luriñas recheas de gambas e espinacas

Si! Chegou un outro sábado en que vos traemos un novo experimento que nos deixou fascinados e que agardamos que cause o mesmo efecto en vós. Tiñamos unhas luriñas pola casa, e como adoitamos facelas fritas en aneis, queriamos unha nova forma de as preparar e de lles sacar aínda máis partido. Tiñamos claro que reenchelos era unha boa opción, aínda que non sabiamos con que. Comezamos pensando en carne mais non nos convencía desta volta o contraste entre carne e marisco. Si, amig@s, as luras e luriñas, ao igual que o polbo, forman parte do grupo dos moluscos cefalópodos. Ben, voltando ao tema... desbotada a idea da carne, xa pensamos noutros produtos, algúnha verdura, algún produto de mar... E aquí nós sempre temos un "corpus" do que botar man frecuentemente: espinacas, cebolas, gambas... Aínda que tamén engadimos ao recheo os rabos ou puntas das luriñas. E despois, un mollo espectacular, claro :-)
É certo que este é un prato que necesita dedicación xa que hai que limpar as luriñas, preparar a salsa, o recheo... mais cando probedes veredes que sen gastar moito diñeiro podedes lograr un verdadeiro luxo. Que marabilla! Aí vos vai:

Luriñas recheas de gambas e espinacas

Ingredientes (para 4 persoas):

Para a salsa:
  • 6-7 tomates 
  • 2 cebolas
  • 3-4 dentes de allo
  • 1 pastilla de caldo de peixe
  • 1 vaso de auga
  • 1 vaso de viño branco
  • 1 folla de loureiro
  • 1/2 culleriña de ourego
  • 1/2 culleriña de romeu

domingo, 8 de febreiro de 2015

Coca mallorquina vexetal

8 de febreiro, día especial. Agardamos que tod@s @s que podades esteades en Compostela reivindicando a nosa lingua e a nosa identidade. QUEREMOS GALEGO!!! Nós infelizmente non puidemos asistir, así que, mentres tanto, ímosvos abrindo o apetito e dándovos algunha que outra idea para cociñardes ao chegar á casa.
Xa tiñamos en mente hai tempo elaborar este prato aínda que o iamos deixando por mor dun prexuízo. Pensabamos que era demasiado similar á pizza e por tanto, tampouco nos corría tanta présa. Porén, unha vez degustada a coca, esta idea vénse abaixo. Si hai similitudes co manxar italiano, mais teñen ben cousas que as afastan, entre elas, a masa, cun textura crocante ben diferente.
Este prato de orixe catalá, xa hai tempo que se estendeu universalmente, aínda que é certo que en diferentes territorios a confunden coa pizza. Como curiosidade, queriamos comentar que a palabra coca, catalá, procede do holandés kok, a mesma que deu lugar ao termo inglés tan coñecido cake.
Con todo, a coca que hoxe vos presentamos é máis típica da zona mallorquina, aínda que nós, como sempre, puxémoslle o noso toque persoal. Agardamos que vos guste o prato mediterráneo de hoxe.

Coca mallorquina vexetal

Ingredientes:

Para a masa:
  • 300 gr de fariña de forza
  • 100 ml de auga
  • 50 gr de manteiga
  • 50 gr de aceite
  • 10 gr de lévedo fresco de panadaría
  • 1 chisco de sal
Para o recheo:
  • 300 gr de espinacas
  • 3 cebolas grandes
  • 1 pemento vermello

martes, 3 de febreiro de 2015

Francesinhas

Parece mentira que até o de agora non tivéramos elaborado ningún prato típico de Portugal, co que nos adoramos a gastronomía lusa! Ás veces non somos conscientes das posibilidades que nos ofrece o noso idioma para acceder á cultura lusófona, e neste caso no tocante ás receitas. Se gostades da gastronomía portuguesa ou brasileira (tamén caboverdiana, angolana, mozambicana...) tedes moi sinxelo coñecerdes os seus pratos botando un ollo pola rede. E sen necesidade de tradutor ningún. Vantaxes de sermos galeg@s e termos un idioma internacional ;-)
Deste xeito, puxémonos a procurar algo ben típico do país do sur (que non fose bacallau, xa que non nos entra polo ollo) e lembrámonos de que na cidade de Porto é moi moi coñecido un estilo de sándwich chamado francesinha, recheo de diferentes embutidos e cun mollo ben gorentoso. Iso si, existen mil e unha variantes dela. 
Non é un alimento de moito tempo atrás xa que parece que foi inventada na década dos 60 por un emigrante retornado de Francia, que decidiu adaptar un snack francés aos ingredientes e gastronomía portuguesa. E o resultado, pois todo un éxito. Tedes aquí a interesante orixe deste prato por se quixerdes saber algo máis del :-)
O ideal é viaxar a Porto para degustar o verdadeiro, cos produtos máis típicos da zona, mais entanto non chega o momento, temos que nos conformar con facelo na casa e cos produtos galegos.


Francesinhas

Ingredientes:

Para o sándwich (por unidade):
  • 3 rebanadas de pan de molde
  • 6 lascas de chourizo
  • 3 lascas de queixo
  • 2 salchichas frescas
  • 2 lascas de lombo adobado
  • 1 lasca de xamón 
  • 6-8 follas de espinacas 

Para o mollo (para 3 ou 4 unidades): 
  • 400 gr de salsa de tomate caseira (ou tomate triturado)
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo 
  • 1/2 pemento verde picante (ou normal)
  • 1 cullerada de fariña de millo

xoves, 7 de agosto de 2014

Cuscús de polo con espinacas e cogomelos

Aquí estamos neste verán de clima bastante estraño para vos traer unha nova receita! Estamos namorados da nosa gastronomía, mais como xa ides comprobando tamén nos encanta probar de vez en cando pratos de fóra. É por iso que nos atrevemos hoxe un prato de orixe árabe ao que, por suposto, lle demos o noso toque. Así elaboramos un completísimo cuscús de polo con espinacas e cogomelos. 
Alén de estar moi bo, consideramos este un prato moi interesante por posuír moi diferentes propiedades; hai que ter en conta que o cuscús está composto principalmente por graos de sémola de trigo, que combinan perfectamente cunha carne lixeira como o polo e con todas as vitaminas das espinacas e os cogomelos. É pois ideal para un bo xantar antes dunha tarde de deporte ou traballo xa que nos vai encher de forza.

Cuscús de polo con espinacas e cogomelos

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 500 gr de cuscús
  • 500 ml de auga
  • 2-3 filetes de peituga de polo
  • 200 gr de espinacas
  • 150 gr de cogomelos 
  • Queixo ao gusto
  • Allo
  • Estragón
  • Alfábega
  • Ourego

sábado, 26 de xullo de 2014

Arancini

E unha volta máis traémosvos un bocadiño da nosa querida Italia, unha receita que para algúns será descoñecida mais non para @s que gostades dos pratos italianos, arancini!! Son típicas da zona de Sicilia (como tantas outras marabillas gastronómicas) e como ides ver a súa forma típica é moi similar á das croquetas, aínda que hai outras variantes máis alongadas. Nós era a primeira vez que nos atrevíamos con este prato e a verdade é que quedamos moi contentos co resultado. Por certo, o nome vén pola súa cor laranxa, arancia. Aí vos vai!

Arancini

Ingredientes (aproximadamente para 16 boliñas):
  • 500 gr de arroz
  • 4 ovos
  • 60 gr de manteiga
  • Queixo relado ao gusto
  • Pan relado
  • Auga
  • Para o recheo: xamón con queixo, espinacas con queixo, cogomelos con queixo etc.

luns, 21 de abril de 2014

Peitugas recheas de xamón e espinacas

Xa rematan as vacacións, mais comer hai que seguir comendo, e cociñando tamén, e por iso aquí seguimos con novos pratos que esperemos que vos gusten tanto como a nós. E o de hoxe está feito cunha das carnes que máis xogo dá para cociñar, as peitugas de pito (ou polo se o preferirdes, hehe). Sabe ben á prancha, con pan relado, picadiña e como non, rechea! 
Nós optamos por enchelas dunha das nosas carnes preferidas e dunhas das verduras que máis nos gustan, as espinacas. E non podía faltar un pouco de queixo para facelas moito máis tenras e nutritivas. A combinación dá lugar a un prato completísimo e moi moi saboroso! 

Peitugas recheas de xamón e espinacas

Ingredientes:
  • 2 peitugas 
  • 4 lascas de queixo
  • 50 gr de xamón
  • 300 gr de espinacas
  • 1 cebola branca
  • 1 cebola vermella
  • 1 cenorias
  • 1 cervexa
  • Aceite de oliva
  • Sal

martes, 4 de febreiro de 2014

Smoothie

De novo, presentámosvos unha receita fugaz. Un batido de froitas e verduras moi saudábel e nutritivo, perfecto para tomar a media mañá, á merenda ou mesmo como acompañante do almorzo.
Nunha dieta equilibrada debemos tomar, polo menos, 5 pezas de froita e verdura ao día, e moitas veces faise complexo por moitos motivos, por iso, estas bebidas se converten nunha solución posto que mesturamos nun batido todos eses elementos. Ademais son perfectos para @s pequen@s da casa debido a que, en moitas ocasións, cústalles comer este tipo de alimentos e así o farán ledamente.
Aquí propóñovos este smoothie en concreto, mais cadaquén pode escoller os ingredientes que máis lle gusten (froitas vermellas, pera, plátano, iogur, leite...). E se vos pracen este tipo de receitas, non dubidedes en dicilo, para mostrarvos máis exemplos destes fantásticos batidos que nos encantan. Coméntadenos as vosas suxerencias!!

Smoothie

Ingredientes:
  • O zume de 2 laranxas e unha mandarina.
  • 1 cenoria
  • 1 mazá
  • 100 gr de espinacas frescas
  • Xeo, opcional

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Quiche de espinacas e xamón

Parece que toca volver á rutina e aos bos hábitos, mais sen esquecernos de tomar algún doce para facermos máis agradábel a vida. Hoxe comezamos cunha receita riquísima, unha torta salgada de orixe francés, ideal para o xantar acompañada dunha boa ensalada, que falta fai despois destes días de excesos. 

Quiche de espinacas e xamón

Ingredientes:

Para a base:
  • 150 gr de fariña
  • 75 gr de manteiga
  • 1 xema de ovo
Para o recheo:

  • Dous dentes de allo
  • Unha cebola
  • Espinacas ao gusto
  • Xamón ao gusto
  • Queixo relado
  • Dous ovos
  • 200 ml de nata