Amosando publicacións coa etiqueta manteiga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta manteiga. Amosar todas as publicacións

domingo, 16 de maio de 2021

Caracolas de allo

Bo domingo, bolboreteir@s. Como estades? Nesta ponte das Letras galegas a verdade é que non nos está quedando tempo para moita cousa entre correccións e correccións así que hoxe presentamos un petisco rápido para ese tipo de xornadas máis atarefadas. 

Xa sabedes que con follado pódense facer mil e unha marabillas simples e no noso frigo ou conxelador nunca falta. É certo que a nós gústanos moito o seu sabor, aínda que for sen nada máis, pero recomendamos igualmente para calquera persoa telo sempre á man porque dá para improvisar receitas moi diversas.

Na receita que aquí segue vai lograr o protagonismo o allo. Os boliños allados, as masas aromatizadas con allo... son éxito seguro e aquí temos unha nova mostra. A textura tradicional do follado, a intensidade do ingrediente principal levan a un petisco do máis agradábel. A por el!



Caracolas de allo



Ingredientes:


  • 1 lámina de follado
  • 4-5 dentes de allo
  • 2 culleradas de manteiga

sábado, 9 de xuño de 2018

Patacas hasselback

Bo día, bolboreteir@s! Desta volta chegamos coa receita para o sábado, estivemos máis espertos e non deixamos a tarxeta coas fotos na Coruña, como na semana pasada, haha.
O que hoxe vos traemos non sabemos se calificalo como petisco, acompañante ou prato principal pois serve para calquera deles. É certo que nós concebímolo como un acompañante, como se fosen unhas patacas fritas ou asadas máis. Porén, acabaron acaparando todo o protagonismo da nosa cea téndomos que deixar sobras do que viña sendo o prato principal.
Esta gornición ten a orixe en Suecia, nun prestixioso restaurante chamado Hasselbacken, no que se creo a primeira escola de cociña do país e onde o alumnado maxinou esta marabilla. Nun primeiro momento apenas levaban a manteiga da cuberta e o sal mais co paso do tempo foron gañando en adobíos aparecendo ingredientes como os que aquí ides ver e nos que o queixo e a panceta van ter moito que dicir. Imos con estas patacas tan apetitosas!!



Patacas hasselback



Ingredientes:


  • Patacas de tamaño medio
  • 3-4 lascas de bacon
  • 3-4 lascas de queixo gouda
  • Queixo relado
  • 15 g de manteiga
  • Pementa moída

sábado, 6 de maio de 2017

Risotto de espinacas

Mamaíña! Temos a sensación de que desfrutamos dun dos mellores pratos do ano. Si, si, así comezamos hoxe, coa mellor das sensacións, a de elaborar un prato que queda tal e como desexabas. Ou mellor! Porque as probas de sabor entanto estabamos preparando a receita xa intuían que algo espectacular se estaba cociñando. E así foi. 
Un risotto, aínda que non é resulta complexo, si precisa coidado na elaboración e seguir certos pasos para que non nos fique finalmente un arroz sen máis no lugar deste arroz cremoso que procuramos e cunha textura tan especial.
A orixe evidénciase no significante, na denominación deste prato tradicional da gastronomía italiana, moi habitual en todo o territorio mais especialmente no NO. O arroz hai mil e unha forma de o traballar mais este acapara xa toda a nosa atención e recordo gastronómico. Que marabilla!



Risotto de espinacas


Ingredientes (para 2 persoas):


  • 150-200 g de arroz redondo
  • Caldo de verduras, aprox. 750 ml
  • 200 g de espinacas
  • 6-7 lagostinos
  • 50 g de queixo
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 culleriña de manteiga
  • Pementa moída

martes, 28 de marzo de 2017

Croissant á moda de Porto (Brioche)

Bo martes, amiguiñ@s! Como levades este comezo primaveral mais frío que o propio inverno? Estabamos pensando en traervos unha ensalada mais parece que de momento aínda non apetecen tanto, non?
Así pois presentámosvos unha receita acabada de saír do forno. De feito, acabamos de almorzar con eles e que dozura para comezar o día, perfecto! Falabamos hai unhas semanas da nosa viaxe ao Norte de Portugal onde alén do bacallau, francesinha, café e demais, sobresaíu para nós un produto, os croissants. De feito, probámolos en diferentes confeitarías e son impresionantes. Nada teñen que ver cos que aquí se preparan. A masa difire da do follado típico, sendo máis ben tipo brioche e por tanto, máis substanciosos. Había con mil e un recheos, mais nós optamos por papalos mesmo sós. Ben, excepto un, que tiña que ser con chocolate, como non.
De feito, parece ser que Porto é o lugar do mundo que máis croissants vende, incluso máis que París. Por algo será!
Sexa como for, prometímonos pór en práctica esta lambetada na casa e unhas semanas despois aquí estamos desfrutando dela. Como a Porto non imos ir todos os meses, había que procurar unha solución.
Era a primeira volta que preparabamos croissants, así que ficamos encantados co resultado, que ademais recorda moito aos portuenses. Imos con eles? Aí os tedes!


Croissant á moda de Porto (Brioche)


Ingredientes:


  • 350 g de fariña de trigo
  • 150 g de fariña de forza
  • 200 ml de leite
  • 85 g de azucre
  • 40 g de manteiga
  • 12 g de lévedo de panadeiro
  • 2 culleradas de aceite
  • 2 ovos 
  • Un chisco de sal

mércores, 30 de decembro de 2015

Nevados natalicios

Non é nada común encontrármonos por aquí un mércores mais a ocasión merece a pena e por iso retrasamos un día a nova publicación. Hoxe estamos de segundo aniversario!! Si, si, xa de segundo. Resulta incríbel comprobar a velocidade con que pasa o tempo! Un 30 de decembro do 2013 dábamos saída a un desexo de había tempo atrás que superou, con moito, as nosas expectativas, e iso unicamente grazas a vós e á xenial acollida da proposta. Nestes dous anos xa pasaron por aquí máis de 200 receitas, cifra enorme, alcanzando algunhas delas un grande éxito. E sobre todo, cremos que cumprimos o obxectivo principal, realizar a nosa achega á normalización do idioma neste ámbito gastronómico-dixital, tan potente nos últimos tempos. De seguro que entre todos aprendimos a chamarlle a varios produtos polo seu nome axeitado.
Desde o 30 de decembro de 2013 sentímonos apoiados, sobre todo nas redes sociais, polos seguidores e seguidores que fostes aumentando até ser un número ao que non contabamos chegar. Grazas ás vosas lecturas e interaccións, Bolboretas no bandullo seguiu para diante e así publicamos algún artigo en prensa, presentamos entrevistas inesquecíbeis ou mesmo asistimos a un congreso sobre alimentación en Granada. Mais o que máis nos satisface é cando algunha ou algún de vós nos fala ben por Facebook, Twitter ou na rúa para nos comentar que van facer algunha das nosas receitas ou que desfrutaron con algún dos pratos de Bolboretas no bandullo. Iso non se cambia por nada!
Así pois, de igual modo que fixemos hai un ano, queremos agradecervos de xeito moi humilde toda a vosa axuda e por iso sortearemos unha táboa de turrón caseira de chocolate e uns nevados como os que presentamos hoxe. Poderiámolo facer entre tod@s os seguidores de Facebook e Twitter máis resultaría algo complexo, polo que decidimos reducilo a todas aquelas persoas que interactúen desde hoxe, día 30, en calquera das nosas publicacións nestas redes sociais (rechouchiando en Twitter ou comentando en Facebook) ou que deixen algún comentario no blogue, ben nesta receita, ou ben na que publicaremos o próximo sábado. Así teremos un número máis limitado para compartirmos con vós estas dúas nosas creacións ligadas ás datas do Nadal, ficando como data límite o domingo 3 de xaneiro ás 23:00. Adiante!


Nevados natalicios

Ingredientes (para unhas 20 unidades):
  • 250 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga de porco
  • 50 ml de viño branco
  • Unha culleriña de vainilla

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Galletas azuis

Imos cunha nova receita, moi sinxeliña, saborosa e atractiva aos ollos. Para a noite de fin de ano tivemos un encargo especial aquí en Viveiro. Un dos locais de referencia da noite viveiresa quería agasallar as súas clientas e clientes cuns petisquiños, a poder ser da mesma cor que dá nome ao pub, así que, non había máis que pensar. Como a do 31 para o 1 é unha noite sen fame despois da enchenta correspondente, queriamos facer algo moi lixeiriño mais que si chamase a atención así que elaboramos unhas pequenas galletas en forma de bolboretas e tinguidas dunha intensa cor azul. Combinabamos pois, o nome do Blue Bar co de Bolboretas no bandullo. A ver que vos parecen estes doces petiscos :-)


Galletas azuis

Ingredientes:
  • 300 gr de fariña
  • 150 gr de manteiga
  • 80 gr de azucre
  • 2 xemas
  • 1 culleriña de vainilla
  • 1 culleriña de colorante azul
  • Un chisco de sal

sábado, 20 de setembro de 2014

Torta de amoras e chocolate branco

E hoxe traémosvos a receita que algúns e algunhas tanto agardávades, esa sobremesa que creamos a partir dun elemento fundamental, as amoras. Tiñamos o capricho desde hai tempo, de ir recoller a elas, como faciamos de pequenos. Daquela era para degustar directamente, mais agora queriamos elaborar algo con elas, xa que intuíamos que o resultado sería óptimo por ese peculiar sabor das amoras. Despois dun tempo de matinar sobre a combinación que máis favorecese o sabor, pensamos no chocolate branco, e como comprobamos foi unha decisión estupenda. A ver que vos parece a nosa nova idea :-)

Torta de amoras e chocolate branco

Ingredientes:

Para a base:
  • 1 paquete e medio de gallegas das vosas preferidas (nós usamos as maría redondas)
  • 50-70 gr de manteiga
Para a capa de chocolate branco:
  • 250 gr de nata
  • 250 gr de leite
  • 225 gr de chocolate branco
  • 1 sobre e medio de callada
Para a capa de amoras:
  • 600 gr de amoras
  • 220 gr de nata
  • 100 gr de azucre