Amosando publicacións coa etiqueta queixo feta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta queixo feta. Amosar todas as publicacións

sábado, 16 de novembro de 2019

Spanakopita

Bo día, bolboreteir@s!! Como levades a fin de semana? Nós xa un pouco cansos de temporais e choiva. Está ben que é o que corresponde mais non dan un respiro para pasear. Iso si, estamos acumulando receitas como nunca. Dannos as xornadas (alén de coidar, mimar e mirar para o peque) para ler, descubrir e probar novas receitas como a que hoxe vos traemos.
O spanakopita, nome ben curioso, provén de Grecia e consiste nunha torta de espinacas e queixo feta tendo como base esa masa filo que tanto nos sorprende cada vez que a degustamos. Fálase das influencias turcas no prato e tamén da orixe humilde, ligada aos pastores, de aí a utilización de produtos económicos.
Sexa como for, pareceunos unha idea ben interesante para nos achegar unha vez máis á gastronomía mediterránea. Aquí vai.


Spanakopita




Ingredientes:

  • Varias láminas de masa filo
  • 300 g de espinacas
  • 100 g de queixo feta
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 culleradas de manteiga
  • Eneldo
  • Pementa moída

martes, 11 de xuño de 2019

Olivas recheas

Bo día, bolboreteir@s! Andamos dando os últimos arreóns do curso, corrixindo exames, calculando medias, pensando na despedida co alumnado... e así queda pouco tempo para a cociña mais como sempre dicimos, comer hai que comer. E máis vale!
Hoxe presentámosvos un petisco sinxeliño, coas olivas como protagonistas aínda que desde unha outra perspectiva. O froito da oliveira é un clásico nos entrantes dos menús festivos de igual maneira que o friame. Con todo, é raro vermos as olivas cociñadas dalgunha forma no menú. Pensámolo e como nós gustamos bastante desta froito, pois decidimos probar a ver que saía. E como ides ver, isto non pinta mal, hehe. Por certo, sabedes que aínda que chegaron a través da cultura grega e mediterránea, as olivas tiveron bastante presenza no pasado na nosa terra. Pensade só a chea de antropónimos e topónimos como Oliveira ou Olveira. Por sorte, desde hai uns cinco anos estanse comezando a recuperar, especialmente por terras de Ourense. De aí os excelentes aceites galegos cos que contamos na actualidade.
Imos alá!




Olivas recheas


Ingredientes:

  • Olivas sen óso
  • Queixo feta
  • Fariña
  • 1 ovo batido
  • Pan relado
  • Pementa moída
  • Allo en po