Amosando publicacións coa etiqueta sándwich. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sándwich. Amosar todas as publicacións

martes, 18 de xuño de 2019

Sándwich Monte Cristo

Boas, bolboreteir@s!! Como estades?? Traemos unha receita máis a Bolboretas no bandullo. Esta vai para a lista das sinxelísimas e rápidas. Talvez adoren especialmente @s estudantes que explotan os bocadillos e sándwichs pois ofrece a posibilidade de alternativa fácil dun clásico.
O sándwich Monte Cristo ten unha denominación moi literaria mais non xorde en Francia a pesar do que poda parecer. Aparece nos anos 40 nos Estados Unidos aínda que, iso si, a partir da cociña francesa, en concreto do famoso sándwich croque-monsieur.
Hai variantes na elaboración e o cociñado perfecto pide unha grella mais nós limitámonos á cociña de piso coa tixola correspondente. Ollade a ver que vos parece, amig@s!!



Sándwich Monte Cristo



Ingredientes (para cada sándwich):

  • 3 rebandas de pan
  • 2 lascas de pavo
  • 2 lascas de queixo
  • 1 ovo

martes, 5 de xuño de 2018

Croque Monsieur

Bo día, bolboreteir@s! Hoxe o aroma é francés, cun sandwich que descubrimos hai ben pouco.
O croque-monsieur xorde por primeira vez a principios de século nun café parisino e non tarda moito en ser mencionado xa na literatura por Marcel Proust, o creador da famosa madalena evocadora.
"Detivémonos miña avoa e eu para intercambiar unhas palabras coa señora de Villeparisis, que nos anunciaba que reservara croque-monsieurs e ovos á crema para nós no hotel".
A orixe do termo é curiosa pois o de monsieur (señor) parece unha suma equívoca ao final da frase por parte dos camareiros que o servían, mais... quedou para sempre, sendo degustado por homes e mulleres, claro!
Os sándwichs sempre poden ser sospeitosos de levarnos á rutina culinaria mais con esta receita demostramos que nos dan mil e unha posibilidades.



Croque Monsieur


Ingredientes:


  • Pan de molde
  • Pavo
  • Queixo Emmental

martes, 20 de marzo de 2018

Sándwich de lacón e brie

Bo martes, bolboreteir@s! Como vai, todo? Por aquí imos comezar a primavera cunha desas receitas de aproveitamento que tan bo xogo dan nos nosos receitarios e ofrecen outra saída aos nosos pratos.
Desta volta tiñamos lacón asado pola casa e despois de dous xantares, tiñamos uns restos que non sabiamos como aproveitar até que demos cun clásico da comida rápida que ofrece toda as posibilidades, mesmo as de combinarmos unha carne tradicional como o lacón con queixo brie nun sándwich.
Por aquí acudimos a estes emparedados con certa frecuencia, sobre todo cando estamos folgazáns e non queremos perder moito tempo no preparado. Ademais, son apostas seguras pois apenas gardan efecto sorpresa. E si, este foi outro éxito.



Sándwich de lacón e brie



Ingredientes:


  • Lascas de pan de molde/barra
  • Lacón asado
  • Queixo brie

sábado, 10 de xuño de 2017

Sándwich Club

Continuamos con receitas mais hoxe chegamos sen vídeo xa que, como moit@s sabedes, andamos na recta final das oposicións, traballando e claro... non queda moito tempo para gravar e editar. De todas formas, no mes de xullo volveremos con novas vídeo-receitas. E mentres tanto continuamos co blogue pois comer, hai que comer, e coma sempre, aproveitamos para preparar pratos novos aínda que, como ides comprobar, nesta tempada optamos por receitas máis sinxelas e rápidas. 
Deste modo, hoxe presentamos un sándwich que vén ganando cada vez máis visibilidade e que nós coñecimos a través de varios blogues que o presentaron aos seus lectores e lectoras.
O Sándwich Club ou Club Sándwich parece ter orixe nos EUA (como non!) no paso do XVIII ao XIX, concretamente no local Saratoga Club House no estado de New York.
O caso é que nas últimas décadas veuse coñecendo máis pola Península a través de certas cadenas de comida americana e nós queriamos traérvolo a vós.


Sándwich Club



Ingredientes (para 1 sándwich):


  • 3 rebandas de pan
  • 2 follas de leituga
  • 2 lascas de queixo
  • 1 peituga pequena
  • 1 lasca de pavo
  • 1 lasca de bacon
  • 1 tomate
  • Maionesa

martes, 3 de febreiro de 2015

Francesinhas

Parece mentira que até o de agora non tivéramos elaborado ningún prato típico de Portugal, co que nos adoramos a gastronomía lusa! Ás veces non somos conscientes das posibilidades que nos ofrece o noso idioma para acceder á cultura lusófona, e neste caso no tocante ás receitas. Se gostades da gastronomía portuguesa ou brasileira (tamén caboverdiana, angolana, mozambicana...) tedes moi sinxelo coñecerdes os seus pratos botando un ollo pola rede. E sen necesidade de tradutor ningún. Vantaxes de sermos galeg@s e termos un idioma internacional ;-)
Deste xeito, puxémonos a procurar algo ben típico do país do sur (que non fose bacallau, xa que non nos entra polo ollo) e lembrámonos de que na cidade de Porto é moi moi coñecido un estilo de sándwich chamado francesinha, recheo de diferentes embutidos e cun mollo ben gorentoso. Iso si, existen mil e unha variantes dela. 
Non é un alimento de moito tempo atrás xa que parece que foi inventada na década dos 60 por un emigrante retornado de Francia, que decidiu adaptar un snack francés aos ingredientes e gastronomía portuguesa. E o resultado, pois todo un éxito. Tedes aquí a interesante orixe deste prato por se quixerdes saber algo máis del :-)
O ideal é viaxar a Porto para degustar o verdadeiro, cos produtos máis típicos da zona, mais entanto non chega o momento, temos que nos conformar con facelo na casa e cos produtos galegos.


Francesinhas

Ingredientes:

Para o sándwich (por unidade):
  • 3 rebanadas de pan de molde
  • 6 lascas de chourizo
  • 3 lascas de queixo
  • 2 salchichas frescas
  • 2 lascas de lombo adobado
  • 1 lasca de xamón 
  • 6-8 follas de espinacas 

Para o mollo (para 3 ou 4 unidades): 
  • 400 gr de salsa de tomate caseira (ou tomate triturado)
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo 
  • 1/2 pemento verde picante (ou normal)
  • 1 cullerada de fariña de millo