Bo día, bolboreteir@s! Hoxe o aroma é francés, cun sandwich que descubrimos hai ben pouco.
O croque-monsieur xorde por primeira vez a principios de século nun café parisino e non tarda moito en ser mencionado xa na literatura por Marcel Proust, o creador da famosa madalena evocadora.
"Detivémonos miña avoa e eu para intercambiar unhas palabras coa señora de Villeparisis, que nos anunciaba que reservara croque-monsieurs e ovos á crema para nós no hotel".
A orixe do termo é curiosa pois o de monsieur (señor) parece unha suma equívoca ao final da frase por parte dos camareiros que o servían, mais... quedou para sempre, sendo degustado por homes e mulleres, claro!
