Como estades, bolboreteir@s? De novo martes mais hoxe vai ser día especial posto que estamos na véspera dun día ben especial, canto menos de forma simbólica xa que aproveitamos para honrar a nosa literatura e, por tanto a nosa cultura, con actos por todo o país. Afigura homenaxeada neste 2017 como xa sabedes é un dos grandes renovadores da nosa prosa na segunda metade do XX, Carlos Casares. Mais ben, Casares na realidade foi moito máis e ten de ser considerado un axente fundamental na revalorización e dinamización da cultura galega. Debemos consideralo ademais un grande amante da nosa gastronomía mais tamén moi bo coñecedor dos sabores do mundo. Para saberdes máis do ourensán non podemos máis que recomendarvos a visita, tanto física como dixital, á
Fundación Casares, quen nos prestou a colaboración máis amábel para estas pesquisas pondo diversos documentos á nosa disposición.
Consideramos pois moi proveitosa a súa figura para continuarmos un percorrido en Bolboretas no bandullo xa comezado o ano pasado con Manuel María no que pretendemos achegar dous ámbitos ás veces distanciados mais que teñen máis en común do que parece: literatura e gastronomía. Se en 2016 creamos
O bolo boleiro de Manuel María inspirado en tres poemas do chairego e
Primavera de Venus motivada por unha das súas obras poéticas, este ano non ía ser menos e tamén faremos dúas quendas de creacións gastroliterarias arredor de Casares, unha para este martes e outra para sábado, a partir do gusto culinario do propio autor.
Ben, tiñamos interese en partir dunha dos textos de Casares e aí xorde como referencia clara unha das súas obras mestras, Ilustrísima, publicada en 1980 e que leva máis de 14 edicións. Evidentemente recomendámosvos a lectura desta novela clara e efectiva onde a chegada dun cinematógrafo a unha vila galega vai dar para todo tipo de profecías, intuicións mais tamén para ver no cinema novas posibilidades, a oportunidade de se renovar.
Nesta trama emerxe unha figura do máis atractiva para o lector, o bispo. Resulta sinxelo para nós empatizar coa Ilustrísima pois estamos perante un amante da cociña, dun adorador de pratos un lambón con todas as letras, o que o leva a devecer e valorar algunhas lambetadas que se lle van ir presentando, aínda que non todas as pode degustar. Precisamente, o que hoxe aquí procuramos recrear é un deses múltiplos manxares que dan un arrecendo do máis saboroso a esta novela. Optamos por traervos así, o salmón con champiñóns e bechamel que no seu momento non puido degustar o bispo por non se atopar ben, con toda a tristeza que iso levou para el.
O salmón con bechamel do "Ilustrísima" de Casares
Ingredientes (para dúas persoas):
- 2 toros de salmón
- 400 ml de bechamel
- 1 tomate
- O zume dun limón
- Aneto
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
Para acompañar:
- 7-8 champiñóns
- 2 dentes de allo