Amosando publicacións coa etiqueta castañas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta castañas. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de outubro de 2017

Pasta con salsa de castañas

Bo día, bolboreteir@s! Nós andamos pola República de Catalunya pasando uns días mais as receitas non paran.  O outono é máxico para nós por diversos motivos mais un dos principais é o gastronómico. As castañas son a nosa perdición e pegámonos fartadas delas durante estes meses, canto menos unha vez á semana.
Con todo, na nosa casa facíanse sempre ao método tradicional, asadas. Aínda que é o mellor, si, desde a creación do blogue que comezamos a investigar e argallar, descubrimos que na castaña hai moito máis. Podemos lograr cremas docísimas, acompañantes marabillosos e unhas salsas coma a de hoxe que quitan calquera medo por moito Samaín que sexa.
A pasta é un recurso habitual e cantas máis opcións para a preparar, mellor.


Pasta con salsa de castañas


Ingredientes:

  • Pasta ao gusto
  • 12-14 castañas asadas
  • 7-8 champiñóns
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • Pementa moída

martes, 2 de decembro de 2014

Croquetas de castañas

Boas amig@s!!!! Tiñamos unha receita gardada hai un par de semanas e entre volta e revolta case vaia aló o outono, así que xa era hora de vos presentar esta novidosa receita que está máis que boa!  Quen os teña, debe tirar prexuízos, xa que hai outras moitas formas de degustar as castañas alén de asadas e cocidas, e con moi bo resultado, asegúrovolo. Xa nos temos encontrado con moitas persoas que no relativo á castaña é moi conservadora, mais na verdade, este produto un grandísimo recurso e ofrécenos moitas variantes pola intensidade do seu sabor.
Ben, é certo, nós ao principio tampouco o tiñamos moi claro mais decidimos probar tanto coa crema de castañas como agora con estas croquetas e quedamos moi satisfeitos. O malo, coma outros moitos produtos, é que temos un tempo reducido para desfrutar delas xa que os nosos castiñeiros non traballan todo o ano, haha. E aínda por riba, temos a sensación de que este ano non viñeron moi boas as castañas... Encontrámonos con moitísimas de mala calidade... Con todo, dedicando un pouco de tempo á escolla, xa que abonda con poucas, podemos elaborar delicatessen como estas:

Croquetas de castañas

Ingredientes:
  • 12-15 castañas asadas 
  • 1 cebola 
  • 40 gr de manteiga
  • 40 gr de fariña, máis extra para empanar
  • 500 ml de leite
  • 1 ovo
  • Pan relado
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite

sábado, 8 de novembro de 2014

Canas de crema de castañas

Fin de semana outonal con frío e auga e nós poñémonos a traballar cun produto tamén moi outonal de grandísima calidade autóctona, a castaña. A nós encántannos, mais a verdade é que non saíramos até o momento das castañas asadas e cocidas, así que puxémonos a pensar nun posíbel prato castañeiro, e o que nos veu á cabeza foron estes doces recheos dunha crema cun sabor inconfundíbel.
A castaña, alén de estar boísima, é un froito seco de pouquísimas calorías polo baixo contido de graxas e a grande cantidade de auga que contén. Con todo, posúe moitísimos hidratos de carbono, o que o converteu nun magnífico recurso da alimentación galega para saciar a fame en temos de necesidade. Ademais posúe moita fibra, o que favorece o tránsito da flora intestinal e tamén potasio.
Na Galiza converteuse, como xa dixemos, nun produto fundamental da alimentación durante moito tempo. E aínda hoxe é en certa medida "adorado" como comprobamos nos populares magostos que celebramos arredor da castaña. O feito de que hoxe en día haxa tantos topónimos no país coa forma "souto" evidencia a grande presenza de castiñeiros no noso territorio.
Así pois, aquí tedes unha sobremesa saborosísima en que lle damos un outro papel á castaña.

Canas de crema de castañas

Ingredientes (para unhas 15 unidades):
  • 1 prancha de follado
  • 1/2 l de leite
  • 200 gr de castañas
  • 125 gr de azucre
  • 50 gr de maicena 
  • 10-15 gr de manteiga
  • 4 xemas de ovo
  • 50 gr de chocolate (opcional)