Bo día, bolboreteir@s! Hoxe imos cun dos nosos mariscos favoritos, os mexillóns. Como puidestes observar, non é a primeira vez que vos encontrades cunha receita deste molusco en Bolboretas no bandullo. E ten unha explicación lóxica. Ou máis dunha. É un dos mariscos máis económicos e parece que por iso non o valoramos moitas veces o suficiente. Temos a sensación que está infravalorado. Por sorte, hoxe contamos con grandes cantidades nas rías galegas mais non sabemos se seguirá sendo así polo que convén desfrutalo e aproveitalo. Non fai falta pagar 100 euros o kilo para que o produto sexa ben prezado, aínda que despois, ben é certo que hai moitos tipos de mexillóns e hai unha grande diferenza no tamaño e sobre todo na calidade.
Ademais, o mexillón galego considérase un produto tremendamente beneficioso, moi nutrinte e ao tempo baixo en calorías no que destaca a vitamina B12 ou as proteínas de fácil dixestión.
En fin, viva os mexillóns! Non cansamos de os comer. Se somos sinceros, son moitas as ocasións en que optamos directamente por facelos ao vapor e papalos directamente aínda que, como non nos queremos acomodar, de vez en cando argallamos receitas coma esta. Imos aló!
Mexis crocantes
Ingredientes:
- 1 kg de mexillóns
- 4-5 champiñóns
- 2-3 chalotas (ou 1 cebola grande)
- 2 cenorias
- 2-3 dentes de allo
- 2 culleradas de pan relado
- 1 cullerada de queixo en po
- 1 culleriña de pemento picante
