Amosando publicacións coa etiqueta maionesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta maionesa. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de abril de 2020

Ovos recheos

Bo día, bolboreteir@s! Seguimos con receitas. A verdade é que esta semana puxémonos algo clásicos e preparamos varios platos de tradición na nosa casa e sabemos que en moitas máis, polo que lemos nas redes.
Ben, pois a de hoxe son uns ovos recheos, que sempre funcionan moi ben en calquera xuntanza, tanto como aperitivo ou mesmo como prato principal.
Xa temos preparadas varias versións como esta co surimi como protagonista. Con todo, queriamos optar desta volta por unha das receitas máis elaboradas, a que ten o atún como elemento central.
Vendo como estaban de bos puidemos preparar dúas ducias de ovos mais queda para outra e sobre todo, queda aquí a idea para compartir con vós.



Ovos recheos


Ingredientes (para 3-4 persoas):

  • 7-8 ovos
  • 1 lata de atún grande
  • 1 tomate
  • 1/2 cebola
  • 3-4 culleradas de salsa de tomate
  • Maionesa

martes, 18 de xuño de 2019

Sándwich Monte Cristo

Boas, bolboreteir@s!! Como estades?? Traemos unha receita máis a Bolboretas no bandullo. Esta vai para a lista das sinxelísimas e rápidas. Talvez adoren especialmente @s estudantes que explotan os bocadillos e sándwichs pois ofrece a posibilidade de alternativa fácil dun clásico.
O sándwich Monte Cristo ten unha denominación moi literaria mais non xorde en Francia a pesar do que poda parecer. Aparece nos anos 40 nos Estados Unidos aínda que, iso si, a partir da cociña francesa, en concreto do famoso sándwich croque-monsieur.
Hai variantes na elaboración e o cociñado perfecto pide unha grella mais nós limitámonos á cociña de piso coa tixola correspondente. Ollade a ver que vos parece, amig@s!!



Sándwich Monte Cristo



Ingredientes (para cada sándwich):

  • 3 rebandas de pan
  • 2 lascas de pavo
  • 2 lascas de queixo
  • 1 ovo

martes, 6 de marzo de 2018

Espárragos con panko e maionesa de améndoas

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Xa vos diciamos o pasado sábado das nosas ansias de primavera entre outras cousas polas froitas de tempada. E de verduras tamén temos. Así pois, imos hoxe cunha das nosas favoritas, os espárragos, que se xa están bos envasados, aínda máis os naturais.
Non é a primiera vez que os preparamos, aínda recordaredes os espárragos verdes gratinados con mozzarella, mais xa tiñamos antollo dunha nova preparación polo que argallando pola rede fomos recolectando ideas. Ao final, démoslle saída ao panko que nos sobrara doutra receita  e fusionamos todo nun prato que nos fixo perder o sentido, e a fame tamén, claro.
A verdade é que xa papamos uns cantos polo camiño, mais o punto crocante do pan relado xaponés coa intensidade do queixo italiano fan desta unha verdadeira delicia.
Imos por ela!


Espárragos con panko e maionesa de améndoas



Ingredientes:


  • 1 manoxo de espárragos
  • Panko
  • 3-4 culleradas de queixo parmesán
  • 1 ovo
  • Sal
  • Aceite de oliva
Para a maionesa:
  • Maionesa caseira

martes, 18 de xullo de 2017

Ovos recheos (2 versións)

Aquí chegou, finalmente, o ansiado momento das nosas vacacións despois dun curso longo. Xa fica máis tempo de novo para o blogue que aínda así non deixamos desantendido en ningún momento. Xa é moito tempo e xa é parte da familia, hahaha.
Ben, pois seguimos, agora que andamos en tempo de festas, cun petisco tradicional en moitos fogares e que presenta mil e unha variantes. Até o momento, só probaramos con moito éxito unha forma de os facer e que xa presentaramos hai ben tempo (ovos recheos) mais quixemos probar, esta semana, novas opcións. Desta forma, traemos hoxe estas dúas variantes para que teñades onde escoller en función dos vosos gustos. Nós non somos capaces de escoller. A ver vós ;-)


Ovos recheos (2 versións)



Ingredientes:

  • 9-10 ovos
  • 1 cullerada de vinagre
  • Sal
Para o recheo de atún:
  • 1 lata grande de atún
  • 100 ml de salsa de tomate
  • Olivas
Para o recheo de champiñóns:
  • 200 g de champiñóns
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo

sábado, 30 de abril de 2016

Tortaletas de paté de cangarexo

Aínda estamos emocionados co que vivimos estes dous días no EcomGastro2016, mais xa volo contaremos todo detalladamente nun artigo. O que vos adiantamos é que o pasamos de fábula e que aprendimos moitísimo con xente incríbel. O resto xa o iríades vendo polas RRSS.
Mais a vida segue e nós para diante, con novas receitas que vos sigan mantendo aí, próximos e fieis a Bolboretas no bandullo. Como sempre dicimos, sodes o verdadeiro motor disto. Se non houber quen lese, dificilmente tería sentido...
E continuamos cun aperitivo ideal para unha cea de convidad@s, un entrante para ir abrindo apetito mais sen pasar desapercibido posto que estas tortaletas teñen un sabor moi característico e convidan a comer máis dunha.
Ademais, cumpre outro dos requisitos para unha cea deste estilo: a perda de pouco tempo. Se queremos desenvolver un menú de relevancia, non podemos investir demasiado tempo nos petiscos, así que aquí vedes un exemplo de como con pouco esforzo, logramos unha delicatessen.

Tortaletas de paté de cangarexo


Ingredientes:

  • 16 tortaletas
  • 8 paíños de surimi
  • 1/2 cebola
  • 3 culleradas de maionesa
  • Pirixel
  • Pementa moída

sábado, 9 de maio de 2015

A nosa ensalada rusa

Vemos saír un sol un pouquiño e nós xa nos emocionamos. Comezamos con pratos máis frescos e dignos dun verán caloroso que non destes días aínda fríos e mollados. A receita de hoxe havos de soar  e estamos seguros que a grande maioría de vós a preparou nalgún momento da súa vida, iso si, probabelmente con modificacións, que iso é o grande da cociña. Estamos a falar da ensalada rusa, un dos pratos que resulta frecuente encontrarmos en calquera casa e que admite practicamente de todo. De aí que poñamos como título, a nosa ensalada rusa. Difícil sería coñecer todos os ingredientes dunha ensalada rusa estándar.
No caso desta prato xa tradicional podemos dicir que si, a súa denominación é transparente e non leva a enganos canto á súa orixe xa que foi creada na década de 1860 nun restaurante popular de Moscova por Lucien Olivier. Parece ser que a receita orixinal levaba algún produto non moi económico como a carne de veado. Con todo, ao pechar o bar, perdérose os papeis desa primeira receita comezando a existir cada vez máis variantes.
Na Galiza, e tamén no estado español, é un clásico dos petiscos de bar e aquí adoita facerse con ovo, pataca, chícharos, olivas, pementos... e despois ao gusto de cada un/unha.
Iso si, parándonos en pequenos detalles, estabamos a matinar na curiosidade que supón que un prato para servir frío e que nós asociamos ao bo clima, fora inventado en Rusia... Cousas da vida...


A nosa ensalada rusa

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 1 patata grande
  • 2 ovos cocidos
  • 2 cenorias
  • 2 tomates
  • 1 cebola grande
  • 1 lata de olivas
  • 1 lata de atún
  • 1 lata pequena de pementos
  • Chícharos
  • 3 paus de surimi

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Pollastro in crosta

Nun domingo escuro e frío parece que apetece bastante metérmonos na cociña e preparar algún prato diferente. Como unha das carnes das que máis proveito tiramos nós é o polo e concretamente da súa peituga, decidimos elaborar unha nova receita para non repetirnos demasiado na peituga á prancha, peituga rechea etc. Así pois, coñecimos un prato italiano (como non!) que nos chamou moito a atención e non dubidamos en pola en práctica. É unha receita moi completa xa que é bastante económica, moi sinxela, rápida de elaborar, saudábel e mesmo bonita. O máis raro, o nome, xa que pode soar estraño iso de polo con costra, mais despois é esa capa de fóra a que converte as peitugas en irresistíbeis.
Deste modo, cunha carne ben barata podedes lograr un excelente prato para sorprenderdes a calquera convidad@. E a máis convidad@s, máis peitugas, sen problema ningún. A ver que vos parece:


Pollastro in crosta

Ingredientes (para 2 persoas):
  • 2 peitugas de polo
  • 50 gr de queixo relado
  • 2 culleradas de pan relado
  • Maionesa (1 ovo, sal, vinagre e aceite de xirasol)
  • 3 chilis 
  • 1 dente de allo
  • 2 culleriña de ourego
  • 1 culleriña de alfábega